Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2022 | Actualizada ás 12:41
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, espera que non haxa conflito de competencias co Goberno central pola nova lei galega de ordenación do litoral, en cuxa tramitación avanza o Executivo galego ante a negativa para transferirlle a competencia sobre as costas.
"Espero que non", respondeu Alfonso Rueda ao ser preguntado polos xornalistas durante unha visita á residencia de Campolongo, en Pontevedra, pola posibilidade de que exista un novo choque de competencias co Estado. "Isto non vai contra ninguén, isto vai a favor de Galicia", xustificou o presidente, convencido que "desde Galicia é como mellor se pode xestionar algo tan importante".
O titular da Xunta lembrou que, cando foi recibido na Moncloa polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, deixoulle o informe do Consello Consultivo de Galicia e da asesoría xurídica autonómica, no que se recollía que esta reivindicación "encaixaba perfectamente no ordenamento". Ademais, Rueda ofreceu "toda a colaboración" e asegurou que "todo isto se vai a facer respectando, como non podía ser doutra maneira, a normativa estatal".
"Cremos que, do mesmo xeito que están a facer outras comunidades autónomas, a xestión do litoral pódese facer mellor desde aquí", reiterou o titular do Goberno galego, "porque estamos moito máis preto do territorio, entendemos mellor o que pasa, estamos máis en contacto con toda a problemática", engadiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.