As cooperativas galegas celebran o Nadal cunha cesta de produtos autóctonos

Se queres coller ideas, toma nota dos enlace que che presentamos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 21/12/2022 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

O Nadal é para moitas empresas tempo de facer unha cesta de produtos coa que agradecerlle aos traballadores a labor realizada ao longo de todo o ano. Un detalle que, en función das posibilidades de cada compañía, pode ser máis ou menos caro. Mais, o realmente importante, está na calidade. E que mellor calidade que a galega, con produtos da nosa terra.

Cesta de produtos galegos proposta por CLUN
Cesta de produtos galegos proposta por CLUN | Fonte: CLUN

A continuación amosámosche cal é a cesta que impulsa este ano CLUN (Cooperativa Rural Galega) xunto con outras nove cooperativas galegas:

1. MEL: Monofloral de castiñeiro e multifloral con sabores particulares, proporcionado pola cooperativa Erica Mel.

2. ESPECIAS: Herbas de Ulloa é unha mestura de catro especias producidas na comarca lucense da Ulloa para enriquecer en sabor os pratos e con propiedades antioxidantes, da cooperativa Milhulloa.

3. MARMELADA DE ARANDO: Elaborada con froitas de produción ecolóxica e ingredientes integrais pola cooperativa Ribeiregas.

4. VIÑO ESPUMOSO: Lúa forma parte do proxecto solidario 'Viña Costeira Rural Alzheimer', xestionado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaor), da cooperativa Viña Costeira

5. ACEITE: Embruxo é zume de oliva recén espremido, extraído en frío e sen filtrar, producido pola cooperativa Embruxo.

6. LEITE: Feiraco na súa edición especial de Nadal coa figura do Apalpador, unha edición solidaria a través da cal pretende contribuír a recuperar os montes de Folgoso do Courel, queimados nos devastadores incendios deste verán. Tamén aporta leite Unicla, leite de categoría premium con altos valores nutricionais derivados da alimentación natural das súas vacas.

7. FABAS VERDINAS: 'Da Terriña'. Da cooperativa Terras da Mariña, coñecidas como 'fabas do marisco' pola perfecta maridaxe con mariscos e peixes. Cultivadas na Mariña lucense, caracterízanse pola súa cor esmeralda, pequeno tamaño e suave textura. Trátase dun produto gourmet con gran demanda nestas datas.

8. XAMÓN DE PORCO CELTA: A cooperativa Tres Fuciños aporta xamón cortado a coitelo de porco celta criado en liberdade, curado lentamente durante 36 meses. 

9. FARIÑA DE CASTAÑA: Da cooperativa Amarelante, elaborada íntegramente con castañas secas, sen aditivos nin conservantes; ideal para pizzas, pan, biscoitos, purés...

Estas cestas están xa a ser recibidas como agasallo por preto de 600 traballadores e traballadoras de dez organizacións vencelladas ao rural e á produción primaria en Galicia, co propósito de reivindicar o valor social das cooperativas e a relevancia da economía social como forma de organización que aporta moitos postos de traballo ao rural, en particular desde a agricultura e a gandeiría.

En Galicia, cinco de cada cen empresas son de economía social e, destas, o 18 % son cooperativas. Ademais, o 68 % das persoas que traballan en empresas de economía social residen no rural e o 3,6 % total do emprego rural procede directamente da economía social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta