A precarización da sanidade galega: impagamentos a vixilantes en hospitais públicos

A EOXI de Ourense-O Barco-Verín contratou os servizos de vixilancia e seguridade a un grupo de empresas que nestes momentos adebedan varias nóminas aos e ás traballadoras. Algunhas das empresas deixaron de reponder ás chamadas de empregados e contratantes para aclarar os motivos dos impagamentos. Algúns xuízos individuais resolveron favorablemente a algúns traballadores, non obstante, a cantidade adebedada pola última empresa é de case un ano.

Por Moncho Mariño | Santiago | 02/01/2023 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

Os e as vixilantes de seguridade dos hospitais do Barco e de Verín en Ourense reclaman o pagamento de nóminas adebedadas por diferentes empresas. Ante a situación de impagamento, tanto traballadores, forzas sindicais e a mesma EOXI puxéronse en contacto con algunhas destas empresas para buscar unha solución. A sorpresa foi que “deixaron de contestar, directamente non collían o teléfono a ninguén”. Diante da acumulación de nóminas sen cobrar, traballadores de seguridade recorreron aos tribunais para cobraren salarios atrasados mentres o SERGAS foi pagando mensualmente as súas facturas a cada unha das contratas de seguridade. Isto último incluía á “empresa ponte” contratada para o hospital do Barco, unha firma con débedas coa seguridade social.

Hospital de Verín.
Hospital de Verín.

DESFILE DE EMPRESAS

Os hospitais comarcais do Barco de Valdeorras e Verín teñen visto desfilar un grupo de empresas de seguridade dentro das súas instalacións desde 2019 até 2022. A raíz está nos impagamentos das nóminas aos traballadores e traballadoras por parte das firmas que accederon ás contratacións ofertadas pola EOXI de Ourense. Este organismo responde que desde o pasado novembro unha nova empresa asumiu o contrato de seguridade dos hospitais públicos de Valdeorras e Verín. A empresa subrogou os dez profesionais, “dando solución legal a situación provocada polo abandono da empresa anterior (Mersant S.L.) e o impago das nóminas dos traballadores”.

A situación comeza en 2019 cando a empresa Seguridad A1 se declara en concurso de acredores logo de non pagar as nóminas de outubro, novembro, decembro de 2019 e xaneiro de 2020 máis pagamentos extraordinarios. A nova compañía, Mersant Vigilancia, levaba trece meses de adxudicación cando de súpeto “desaparece” en 2022 deixando a deber as nóminas de xaneiro, febreiro, marzo e abril de 2022 máis pagamentos extra. Ante esta situación con Mersant as autoridades da EOXI Ourense-O Barco-Verín recorren a unha “empresa ponte”, Prosetecnisa, para asumir as tarefas de seguridade. Esta última firma debe as nóminas de setembro e outubro de 2022 e segundo un documento enviado polos vixilantes de seguridade: “non se espera que tampouco o faga en novembro”.

“Para ser máis concretos, en 2022, dos once meses que levamos de ano, os vixilantes cobraron só catro das once nóminas”. “Mentres tanto o SERGAS pagaba as facturas das empresas contratadas” sinala Emilio, vixilante de seguridade afectado por esta situación. Diante de todo isto, contactouse coas empresas Mersant e Prosetecnisa quen deron voltas primeiro e logo directamente non contestaron. “Mersant contestou durante uns meses, logo xa non collían o teléfono, e Prosetecnisa xa non contestaban desde o primeiro día que deixaron de pagar”.

Vixilantes de seguridade
Vixilantes de seguridade | Fonte: Espía digital

No que respecta á EOXI, “todas as notificacións que se lle efectuaron a esas empresas, tanto no procedemento de resolución do contrato como de posta en coñecemento da intervención do contrato cunha nova empresa así como o cese da súa actividade, foron rexeitadas”.

A dirección da Área Sanitaria asegura tamén que non se tiña constancia dos impagos por parte de Prosetecnisa (empresa ponte de emerxencia, sinala a EOXI, e “lamenta que se produza de novo esta situación, se ben, será o máis dilixente posible na tramitación destas últimas reclamacións por parte dos traballadores que agarda que sexan as últimas toda vez que a situación xa está normalizada”.

Cando a situación xa era irreversible, parte do persoal recorreu á vía xudicial por tres veces, quedando a Xunta como pagadora deses salarios atrasados. “Aínda así houbo que presionar ao Goberno galego nos tribunais porque tardaron en pagar” di a deputada do BNG, María Albert. Nestes momentos, con mediación sindical, estanse resolvendo aínda varias nóminas por pagar. Máis é salientable que, como di a mesma María Albert, o SERGAS “non unifica contratos dentro das EOXI”. Isto fai que as condicións entre os hospitais públicos da cidade de Ourense sexan diferentes aos comarcais. “Non invisten nos comarcais como non invisten noutros temas”. “Cada vez que vén o conselleiro de Sanidade faino nun mes en que se nos ingresou a nómina” di un dos vixilantes.

Preguntados os servizos de prensa da EOXI de Ourense, a resposta é que respecto á empresa Seguridade A1 “xa sairon todas as sentencias xudiciais e asumiron todos os pagos pendentes cos seus correspondentes xuros de demora”. Por outra parte, no caso da empresa Mersant “a situación é moi similar e só quedan dúas sentencias por ser firmes para completar o pago completo do adebedado. Polo tanto a data de hoxe pódese decir que as débedas salariais foron satisfeitas incluidos os xuros de demora correspondentes”.

LICITACIÓNS SEN CONTROL?

A falta de investimentos en hospitais comarcais é unha razón pola que se realizan contratacións como as acontecidas no Barco e Verín. “As contratacións non se axustan ás necesidades do centro médico e deixan aos e ás traballadoras en situación de precariedade laboral” di Albert. Aínda así “nós non deixamos de ir nin un só día ao traballo  e mesmo cubrimos baixas” apunta Emilio.

Os vixilantes acoden aos postos de traballo pola incerteza legal que pesa sobre eles aínda que non cobren, pois sendo a Xunta en última instancia a responsable subsidiaria de pagar todos os atrasos, a non asistencia ao traballo repercutiría na cantidade final que cobrarán en caso de sentenza favorable aos e ás demandantes.

O curioso neste caso é que a empresa Mersant viña de ter rescindido o contrato co Concello de Sevilla por impagamento. A comezos deste 2022 sóubose que debía ao fisco 1,2 millóns de euros. A mesma empresa traballaba para a Consellería de Política Social da Xunta. O departamento de Fabiola García rescindiu contratos coa entidade ante a falta de pagamentos.

A EOXI de Ourense asegura que descoñecía a situación en que estaban empresas como Mersant. Engaden que “sempre se lles solicita previamente á adxudicación que acredite estar ao corrente nestas obrigas”. Admais entade que se estudará “a posibilidade de iniciar a tramitación dunha prohibición de contratar ao amparo da lei de contratos do sector público”.

A presión dos vixilantes ante os servizos financeiros e xurídicos do SERGAS en Ourense demostrou que as empresas recibían os pagamentos. “É importante sinalar isto porque cando deixan de pagar salarios alegan que os clientes non pagan” din fontes laborais. O exemplo de Mersant é o de moitas outras. Débedas con Facenda e a Seguridade Social obrigan ás autoridades ao embargo das contas e de aí a falta de diñeiro para as nóminas. Sobre se o SERGAS asumiu as nóminas que non foran pagas a resposta é que “asumimos a totalidade do que nos reclamaron os traballadores.

A conclusión sobre este asunto é unha falta de interese por parte das autoridades autonómicas en canto a solvencia das empresas de seguridade. “Non hai suficiente dilixencia desde a Xunta para frear estas empresas piratas, pois é imposible que non soubesen da situación de Mersant, por exemplo” di a deputada do BNG Olalla Rodríguez. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta