O mal estado do firme na N-120 que une Ourense e o sur de Lugo supón un grave perigo para os condutores, segundo o BNG

O Bloque denuncia "falta de mantemento" e "necesidade de melloras" e avanza o rexistro de novas iniciativas para reclamar que o Ministerio de Transportes acometa "actuacións urxentes" nesta vía.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/01/2023 | Actualizada ás 15:53

Comparte esta noticia

O BNG denuncia "falta de mantemento" e "necesidade de melloras" da N-120 e avanza o rexistro de novas iniciativas para reclamar que o Ministerio de Transportes acometa "actuacións urxentes" nesta vía, que conecta Ourense oriental coa capital e os concellos do sur de Lugo.

O temporal de finais de ano e o uso continuado da estrada, segundo advirten os nacionalistas, "trouxo consigo máis deterioración no firme da N-120" e provocou "ata un accidente en cadea de 15 vehículos" o pasado domingo.

A pesar de que o persoal de mantemento da estrada tapou as fochancas con máis profundidade e as máis perigosas, segundo o Bloque, "aínda continúan existindo varios puntos negros que precisan dunha actuación inmediata".

"Levamos anos denunciando a situación do firme da N-120 e os problemas de seguridade viaria que o seu estado provoca. Os gobernos do Estado, sexan do PSOE ou do PP, non levaron a cabo un mantemento da calzada e o firme vaise deteriorando cada vez máis", critica a formación.

Entre as actuacións sinaladas, segundo o BNG, o Ministerio debe quitar a maleza que cobre as marxes e realizar ampliacións dos carrís, sobre todo entre Os Peares ata Montefurado, en Quiroga.

O alcalde nacionalista da Pobra do Brollón, Xosé Luís Maceda Vilariño, urxe a intervención entre Quiroga e Sober para a rehabilitación do firme e o desdobre do carril neste tramo.

O portavoz do Bloque en Quiroga, Xosé Manuel Fernández, destaca a necesidade de actuar "de maneira urxente" en toda a vía pero especialmente en tramos concretos polo mal estado do asfalto como por exemplo un en Quiroga próximo á ponte de Augas Mestas debaixo da ponte do ferrocarril.

Pola súa banda, a portavoz en Pantón, Rosana Prieto Florines, explica que este tipo de accidentes automobilísticos "son totalmente evitables".

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta