Os consumidores galegos procuran prezos máis asequibles que van engrosar as contas de resultados desas grandes empresas que invaden os nosos mercados.O que pode ser unha vantaxe para a economía familiar convértese nun drama. Ese proceder vai en detrimento da nosa economía coa desaparición de moitas industrias de transformación agraria e a desaparición de postos de traballo. A crise do agro galego ten, xa que logo, é por mor da deslealdade dos consumidores galegos que prefiren o alleo e desprezan o propio.
Desde hai varios anos o Foro E. Peinador e Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros veñen espallando polas redes sociais un anuncio publicitario (www.galeguizargalicia.tv) chamando ao consumo responsable que consiste en dispensar preferenza polos produtos criados nas nosas explotacións e transformados por industrias e adegas, ao tempo que insiste na oportunidade de escoller aquelas marcas etiquetadas en lingua galega. A mensaxe é dobre: por unha banda convencer ás empresas das vantaxes de os referenciaren nela, e , pola outra, aos consumidores porque son imprescindibles para faceren posible ese cambio lingüístico e viables as nosas estruturas produtivas.
O chamamento vai dirixido a todos os galegos e galegas sen distingo. Pero se vostede que está a lerme forma parte desa franxa da cidadanía implicada na defensa da nosa identidade, está obrigado a facer unha demorada reflexión sobre os hábitos de consumo propio e familiar, para modificalos na dirección que apuntamos.O Partido Galeguista en tempos da IIª república tiña o discurso ben elaborado, por iso pregoaba: “Quen, na mesa, bebe viños alleos distintos dos nosos Ribeiros, Valdeorras ou espadeiro, ademais de non teren bo gusto, forxa a escravitude de Galicia; quítanlle un anaco de pan aos nosos irmáns campesiños e favorecen aos que despois de enriquecérense a nosa conta, despréciannos e combátennos.” Chamamento que aínda segue a ter vixencia, porque se non temos soberanía alimentaria seremos dependentes.
Os nosos sindicatos agrarios e partidos políticos, que tantas loitas teñen levado a cabo para defenderen sectores estratéxicos como o lácteo ou o vitivinícola, non desenvolveron parella loita procurando aliados para o mantemento destas industrias con imaxinativas campañas chamando á solidaridade das nosas grandes urbes , que é onde se concentra a maior parte da poboación e do consumo.
É tempo de reflexionarmos e actuar con coherencia modificando os hábitos de consumo. Cómpre abrir un debate nos espazos máis inmediatos a nós para crear unha nova conciencia de galeguidade. As sortes da nosa economía e lingua van parellas. O futuro depende da actitude dos consumidores que poden condicionar a orixe e idioma da oferta.