Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2023 | Actualizada ás 15:04
A CIG convocou asembleas de delegados e mobilizacións en todas as comarcas para o vindeiro mércores 1 de febreiro contra a reforma das pensións que proxecta o Goberno. A convocatoria enmárcase na campaña que lanzou en decembro a central sindical baixo o lema 'Dez mentiras sobre as pensións'. O secretario xeral, Paulo Carril, advirte que non descarta "adoptar todas as medidas necesarias e intensificar a mobilización para evitar que esta ameaza sexa unha realidade".
En paralelo, inicia tamén a recollida nas empresas de manifestos contra "calquera reforma no sistema público de pensións que impoña aumentar os anos para o cálculo da pensión". Carril denuncia que as pensións "levan anos sendo obxecto de duros ataques" e advirte de que sobre a mesa está "unha ameaza de reforma que pretende ampliar a 30 anos o período de cálculo". Suporía "un novo recorte das pensións de entre un 6 e un 8%", asegura.
"MÁIS EMIGRACIÓN E PARO XUVENIL"
Aprobar esta reforma, segundo engade, "significaría aumentar a caída progresiva das pensións, que xa suma un 25% desde a última que se impuxo en 2012, cando se ampliou a idade da xubilación de 65 a 67 anos e o aumento do período de cálculo dos 15 aos 25 anos".
Todo iso "obriga a prolongar a vida laboral" e "contribúe a unha maior emigración e máis paro xuvenil", segundo denuncia a central nacionalista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.