Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2023 | Actualizada ás 20:39
A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego acada este ano a maioría de idade. A cita, do 15 ao 21 de marzo en Santiago de Compostela, abre a temporada anual de festivais e mostras galegos de cinema.
Esta edición da MICE, a sétima como festival internacional con seccións competitivas, estará centrada na rururbanía. Un concepto definido en relación a aqueles espazos, continuos ou híbridos, xurdidos dun proceso de urbanización de lugares do rural. Zonas de intersección nas que aparecen o conflito e o desencontro, pero onde tamén xorden novas formas de resistencia, de socialización do patrimonio ou de prácticas culturais. O rururbano, analizado desde o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual, será a temática que artelle toda a programación da MICE, desde as seccións a concurso (Galicia e Internacional), ata as seccións paralelas (Trazas, Lindes e Impropias), así como as accións formativas destinadas a público profesional e escolar, e o resto das actividades.
FORMACIÓN
A formación para profesionais nesta edición estará a cargo do Laboratorio de Antropoloxía Audiovisual Experimental (LAAV), con Chus Domínguez e Belén Sola, que impartirán o taller “De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropoloxía audiovisual”. 12 horas de formación especializada que terán lugar o luns 20 e o martes 21 de marzo. A inscripción pode realizarse do 6 ao 15 marzo, escribindo un correo a mice@museodopobo.gal.
Tamén ofrecerá unha programación específica dirixida ao público escolar e tamén haberá sesións virtuais para os centros educativos que o soliciten. A partir do 14 de marzo e ata final de curso poderán acceder a unha escolla de filmes etnográficos proxectados nestas dezaoito edicións da MICE, tramitando as solicitudes en servizosdeac@museodopobo.gal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.