Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2023 | Actualizada ás 14:05
O PPdeG iniciou este sábado a carreira cara ás eleccións municipais do próximo 28 de maio con vistas na política nacional, defendendo que un PP cunha vitoria local "será clave para derrotar a Sánchez".
Son palabras do presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, que participou esta mañá no acto de presentación dos 313 candidatos do PP ás municipais. No compostelán Multiusos Fontes do Sar estivo acompañado tamén polo presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, o portavoz nacional de campaña, Borja Sémper; e outros cargos nacionais e autonómicos, tamén membros do Goberno da Xunta.
Nun recinto con, segundo a organización popular, 4.000 asistentes, Rueda defendeu a necesidade de mostrar unha imaxe de "partido unido e vivo" e agradeceu a todos os alcaldables a súa "valentía e responsabilidade".
Dirixiuse especialmente ao catro presidentes provinciais e aos candidatos que interviñeron antes que el: Borja Verea, candidato á alcaldía de Santiago, en representación da provincia da Coruña e dos alcaldables do sete cidades galegas; Sabela Fole, por Cambados, representando á provincia de Pontevedra; José Luís Gavilanes, actual alcalde e candidato á reelección de Xunqueira de Ambía, pola provincia de Ourense; e Nicole Grueira, que se presenta por Pol, sendo a primeira candidata nada no S.XXI, e que interveu pola provincia de Lugo. Deles destacou a súa "ampla experiencia" e a "canteira" que exemplifican; "candidatos que dan a cara".
NECESIDADE DE MAIORÍA ABSOLUTA
"Os candidatos populares non ten que esconder que se son do BNG, farán alcalde a alguén do PSdeG e ao revés. Non representan a pequenos partidos sen ideoloxía que ofrecen os seus votos ao mellor ofertante. Son candidatos libres, sen hipotecas, libres para traballar", sinalou.
Admitiu ademais que "non chega con outra cousa que non sexa gañar, hai que sacar matrícula de honra". "A alternativa coñecémola perfectamente: Gobernos en minoría que perderon eleccións e que teñen as alcaldías paralizadas; imposicións ideolóxicas e fallos de xestión", advertiu.
Pasou, comentou, "co PSOE de Zapatero e co de Pedro Sánchez; e co BNG de Ana Pontón, e co Bloque tamén de Pontón, que xa estaba naquela época". Considera o tamén presidente da Xunta que os comicios municipais "son a antesala de moitas cousas" e afea que "para facer oposición a Feijóo, fáganlla a Galicia, que queiran que non gañe Galicia".
"Como poden dicir que somos independentistas por querer gobernar o noso litoral cando vemos como tragan con outros; cando vemos que hai miles de millóns de euros embalsados en Pertes que non moven; como pode ser que sigamos cos trens máis caros, máis vellos e máis lentos?, preguntouse Rueda. "Noutros sitios non pasaría, non se atreverían", afirmou.
"SEN SECTARISMOS E CON SENTIDIÑO"
O líder dos populares galegos pediu aos seus candidatos "gobernar sen sectarismos, sentidiño, respecto e vocación". "A política é vocacional, aquí vén a servir antes de todo. Se non o tedes claro aínda estades a tempo de non representar ao PP", comentou.
"Pídovos que abramos unha nova etapa na que escoller entre Gobernos que decepcionan en tantos municipios galegos ou Gobernos responsables como o da Xunta. Non nos imos a someter a ninguén, a socios que nos obriguen a facer cousas que non queremos. Galicia é un territorio orgulloso da súa terra pero aberta a España", argumentou.
Ademais de referirse a os nacionalistas, apuntou tamén aos socialistas, "que lle perderon o respecto absolutamente a Galicia". "Un Partido socialista tan bravo aquí pero tan manso en Madrid", censurou.
XESTIONAR GALICIA "É O MELLOR QUE CHE PODE PASAR"
Alfonso Rueda agradeceu tamén a participación de Núñez Feijóo, chanceando con "o ben que está", momento no que se escoitaron berros de 'guapo', 'guapo', entre os asistentes. "Os ministros de Sánchez véñennos a explicar quen era Feijóo, coma se non o coñecésemos. E o que máis me amola, din que non vales porque vés de Galicia, porque xestionaches Galicia e iso non ten mérito. E xestionar Galicia é unha honra, é o mellor que che pode pasar", reivindicou.
Tras a intervención do presidente dos populares galegos, clausurou o acto Alberto Núñez Feijóo, que lembrou que no mesmo recinto no que este domingo presentaban aos candidatos, o ano pasado el "pedía permiso á Executiva" para presidir o PP a nivel nacional.
"Nunca esquecerei ese día, a ilusión que me transmitistes e a responsabilidade. Grazas a todos vós un ano despois son moi consciente da responsabilidade que asumín e sinto que o partido está moi preparado para volver gañar as eleccións", rememorou.
Recoñécese "moi orgulloso" da "xenerosidade" de todo o partido na substitución tanto do presidente da formación como da Xunta de Galicia. "E polo ben que seguen coidando Galicia e que se sigan identificando todo os días con esta terra",
"Galicia non sería o que é sen este PPdeG. Creo que o que fixemos hai un ano está ben construído, cheo de xenerosidade e iso é o que fai grande a un partido. Non o fan grande as loitas, as divisións ou os enfrontamentos. Galicia non quere problemas, quere solucións", aseverou o líder do PP.
FEIJÓO: "LEVO A GALICIA NO CORAZÓN"
Feijóo mostrou ademais o seu respaldo ao responsable da Xunta, co que cre que "acertaron" e que hai "presidente para moitos anos, que é o que se necesita; ter cousas sólidas".
Por último, lanzou unha mensaxe de ánimo aos alcaldables galegos, lembrándolles que a política "trata de asumir responsabilidades". "Para a maioría sería máis fácil non dar un paso adiante; para os que xa son alcaldes, sería máis fácil dar un paso atrás e retirarse invicto e para os que non saben se van sacar maioría, sería máis fácil ir co BNG ou o PSdeG, aos que non lles fai falta maioría, aos que non lles fai falta nin gañar para gobernar", apuntou. "Levo a Galicia no corazón e iso non é necesario explicalo. Case todo o que aprendín aprendino aquí e case todo o que fixen en política, fíxeno en Galicia", concluíu Núñez Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.