Formoso chama aos socialistas galegos a "remangarse" de cara ao 28M, "o primeiro campo de batalla"

Lamentou que Galicia "teña un presidente ausente que se atopa na súa cova"

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 11/03/2023 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, fixo un chamamento aos socialistas galegos a "remangarse" de cara á cita coas urnas do próximo 28 de maio, as eleccións municipais, que sinalou que serán "o primeiro campo de batalla".

"Por iso pídovos que nos fixemos nas municipais, que nos remanguemos, que non deixemos de falar nas tascas, que esteamos coa xente, que deamos a cara municipal, nos cuarteis electorais, nos mitins e que fagamos o mellor socialismo posible", insistiu o líder dos socialistas galegos.

O dirixente do PSdeG lanzou esta mensaxe aos seus durante a súa intervención no arranque do Comité Nacional dos socialistas galegos, máximo órgano entre congresos que este sábado se celebrou en Santiago de Compostela.

Así, recoñeceu que lles toca facer socialismo "nun contexto complexo", polo que terán que "redobrar esforzos persoais e orgánicos" para "darlle fiabilidade á cidadanía". Neste sentido, manifestou que lles toca "ser capaces de transmitir certezas nun contexto internacional endiablado, en permanente cambio".

GUERRA DE UCRAÍNA

Ante esta situación, o secretario xeral aproveitou para pór en valor o papel do Goberno socialista con respecto á guerra de Ucraína. Neste sentido, Formoso subliñou que o conflito bélico serviu para "marcar quen" son como formación.

Sobre a posición do BNG ante a guerra, o líder do PSdeG criticou que "cando hai unha ansia imperialista", "non hai unha condena unánime no Parlamento porque o BNG di que non".

RUEDA, "AUSENTE"

Ademais, lamentou que Galicia teña "un presidente ausente" e que se atopa "na súa cova" e "absolutamente alleo á realidade social e política deste país". "Só sae da cova para atacar aos servizos públicos", reprochou.

Ao pronunciar a palabra "ausente", Formoso tamén mandou unha mensaxe ao presidente do PP nacional, o expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo: "Ausente, señor Feijóo, non autista. Ausente significa non estar, non existir nunha circunstancia determinada. Autista non é estar ausente. Autista é unha disfunción neurolóxica. Apréndao, Feijóo, respecte unha enfermidade que afecta cada vez a máis nenos no noso país".

"ACCIÓN" DO GOBERNO DE SÁNCHEZ

Ante a "inacción" do Goberno galego, Formoso puxo en valor un goberno "moi activo" como o Executivo de Pedro Sánchez, do que destacou o seu papel durante a pandemia con "unha implicación co país que quedará para os anais da historia". 

"PRIMEIRO CAMPO DE BATALLA"

Con estas cartas sobre a mesa, Formoso instou aos seus a "pelexar en todas as batallas" e apuntou que "o primeiro campo de batalla" son as municipais que se celebrarán o próximo 28 de maio.

Neste sentido, explicou que "a realidade" lles di que cando lles vai ben nas municipais, "a sociedade cambia o goberno autonómico e xerais". "O PSOE aposta polo municipalismo", insistiu, porque "quen non presta atención ao mundo municipal, languidece".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na súa intervención no Comite Nacional
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, na súa intervención no Comite Nacional | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta