Augas de Galicia di que impuxo tres sancións por 55.000 euros por verteduras da mina de Touro

A Xunta abriu outros dous expedientes que foron arquivados porque os requirimentos foron "atendidos"

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 17/03/2023 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

Augas de Galicia impuxo tres sancións a Explotacións Galegas, todas elas entre 2014 e 2019, por verteduras a afluentes do río Ulla procedentes da balsa da mina de Touro e as actividades nas instalacións da explotación mineira.

Ademais, a Administración autonómica tamén abriu outros dous expedientes contra a compañía mineira que, finalmente, foron arquivados porque os requirimentos realizados foron "atendidos", segundo sinalou o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, este venres no Parlamento.

O responsable do departamento da Vicepresidencia Primeira da Xunta respondeu na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos a unha pregunta formulada polo deputado do PSdeG Pablo Arangüena, que acusou á Xunta de "tolerar" comportamentos prexudiciais ao medio ambiente por parte dos titulares da antiga explotación mineira da comarca de Santiago.

Cuestionado sobre os procedementos abertos desde a administración ante as, segundo Arangüena, "constantes denuncias" de colectivos ecoloxistas e veciñais da conca do Ulla, o responable da Xunta asegurou que foron tres as sancións impostas por Augas de Galicia por un total de 55.000 euros.

Dúas delas foron por verteduras de augas residuais procedentes da balsa da antiga mina e outro por lixiviados con orixe na actividade de tecnosuelos, autorizada para a rexeneración dos terreos da mina que Fernández Vila subliñou como un "método válido" regulado en Galicia por unha instrución "aprobada en 2008 durante o goberno do bipartito".

Así mesmo, o responsable de Recursos Naturais tamén sinalou a existencia doutros dous procedementos abertos contra Explotacións Galegas que foron arquivados posteriormente cando a compañía liquidou as cuestións que motivaran o inicio dos procedementos.

Doutra banda, afirmou que se atopa en fase de tramitación o proxecto elaborado pola compañía para a xestión xeral das augas da mina de Touro a través da creación dunha planta de tratamento físico-química. A Xunta notificou "recentemente" a Explotacións Galegas un requirimento de subsanación de defectos, segundo apuntou Fernández Vila.

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, no Parlamento
O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, no Parlamento | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta