GC Aberto

Vibomask 2023: As máscaras voltaron ao Macizo Central

Unha crónica de Óscar Soutelo en relación ao evento vivido en Viana e Vilariño de Conso a pasada fin de semana, do 17 ao 19 de marzo.

Por gcaberto | Santiago de Compostela | 22/03/2023

Comparte esta noticia

Un ano máis, as cabeceiras dos concellos de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, recibiron parte das máscaras que coas súas danzas, brincadeiras, sons e chimpos ocupan un papel principal nas festividades do ciclo de invernía non só na península, tamén en toda Europa. Trátase sen dúbida da gran oportunidade que temos no país de poder ver máscaras fóra do seu hábitat habitual, se ben a súa dinámica fica restrinxida a tempos e lugares que o formato desfile permite.

Visparra e Talanqueira de San Martín de Castañeda. Foto: Óscar Soutelo.
Visparra e Talanqueira de San Martín de Castañeda. Foto: Óscar Soutelo.

O venres 17 de marzo en Viana o Vibomask quentaba motores coa conferencia do fotógrafo Pedro Losada e do artesán de máscaras de Entroido Xosé Manuel Seixas, gran coñecido do entroido Ribeirao de Santiago de Arriba. A xornada continuou coa inauguración na Casa do Concello da exposición “O Entruido de Viana do Bolo no tempo” e rematou cunha Foliada polas rúas e prazas na que grupos da Galiza, León e Ávila deron a benvida ás numerosas participantes que ían tomar parte no desfile do día seguinte.

Xa na xornada do sábado 18, comezou o primeiro desfile do VIII Festival Internacional Mascarada Ibérica Vibomask no Campo da Feira de Viana por volta das 17:00 h. no que unha multitude de xente puido gozar, por exemplo, das divertidas improvisacións  dos tres grupos de caretos portugueses (Arcas, Parada e Lazarim) que se consolidaron como uns dos preferidos da xente polo inesperado das súas ocorrencias.

Máscaras xa moi coñecidas como Peliqueiros de Laza e Campobecerros, Cigarróns de Verín, Galos de San Pedro da Mezquita,  Pantallas de Xinzo, Vellaróns de Riós, Troteiros de Bande, Mázcaras de Manzaneda, Boteiros de Viana e Vilariño, (moi diferentes entre eles mais cunha dinámica moi parecida) ou Bonitas de Sande mesturáronse con outras que aínda se manteñen fóra do circuíto máis “mainstream” do ciclo de Entroido galego. É o caso dos Bixigueiros e Bonitos e Carolos de Samede, no concello coruñés de Paderne, recuperado con gran esforzo polas veciñas da aldea e que a día de hoxe xa se presenta como un dos entroidos tradicionais máis senlleiros da provincia da Coruña. Tamén é o caso do Rancho e os abaleiros do Entroido da Feira, do concello de Salceda de Caselas, recuperado hai poucos anos e que destaca pola espectacularidade das súas máscaras a cabalo.

Sen dúbida as mascaradas de alén das nosas fronteiras foron algunhas das máis agardadas polos asistentes, como é o caso da Mascarada do Entroido de Abanto, unha mascarada moi diversa cunha espectacular posta en escena coa súa enorme cabra, o seu divertidísimo ”Hartza”, e as súas misteriosas Sorginak. Tamén é o caso Da Vijanera, a máscara cántabra que abraia polos  oito grandes “campanos” que poden acadar os 40 quilos de peso, e dos xa habituais Diablos e mascaritas de Luzón, (Guadalaxara) cos seus grandes cornos e corpo completamente tiznado.

Home de Prada, A Veiga. Foto: Óscar Soutelo.
Home de Prada, A Veiga. Foto: Óscar Soutelo.

Xa no domingo 19, era a quenda de Vilariño de Conso, onde xa desde ben cedo lostregaban os bombos dos Folións do Macizo Central Ourensán. Nunha mañá solleira, a menor asistencia de xente e a amplitude da praza propiciaron que os diferentes grupos mostrasen con máis tranquilidade as súas danzas e representacións habituais. Móstrase, deste xeito, a complementaridade de ámbalas dúas xornadas, significándose no caso do domingo, como un día máis propicio para o goce da dinámica típica de cada mascarada. Ademais, agrupacións que non desfilaran na xornada anterior sumáronse a esta gran festa, como foi o caso do Entroido de Barcia (Melón) ou dos Joaldunak de Ortuella.

Co xantar de confraternidade no pavillón de Vilariño, rematou un ano máis un evento que xa está máis que consolidado no ámbito das mascaradas europeas e que fai máis leve a espera do retorno deste ciclo festivo tan agardado polas afeccionadas a unha das tradicións máis ancestrais e celebradas do país

Un artigo de Óscar Soutelo.

Zarrumeco de Sobradelo. Foto: Óscar Soutelo
Zarrumeco de Sobradelo. Foto: Óscar Soutelo
Careto de Lazarim (Portugal). Foto: XMF
Careto de Lazarim (Portugal). Foto: XMF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta