Por Europa Press / Redacción | Galicia | 30/03/2023 | Actualizada ás 16:17
A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou que os concellos son incompetentes para tramitar os expedientes sancionadores abertos pola Policía Local ou a Policía Nacional por denuncias presentadas antes de febreiro de 2021 por non levar máscara.
En concreto, o alto tribunal galego rexeitou o recurso presentado pola Xunta contra unha sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo, que determinou que o Concello de Monforte de Lemos era incompetente para tramitar as sancións.
Así, o TSXG subliña na súa sentenza que as administracións locais carecían de competencia para sancionar antes da reforma da Lei de Saúde de Galicia, que entrou en vigor o 27 de febreiro de 2021.
"A reforma legal non é unha simple aclaración de dúbidas, senón unha contundente regulación legal da competencia sancionadora en uso das competencias autonómicas en materia de sanidade e saúde pública", indican os xuíces.
Por iso, sinalan que o lexislativo "lexisla en exercicio dunha competencia, non como intérprete auténtico da norma preexistente". Neste sentido, o TSXG considera que a reforma atribuíu unha competencia á administración local da que carecía ata entón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.