José Manuel Lage Tuñas: "O PSdeG ten un liderado claro e nítido con Valentín González Formoso"

Galicia Confidencial entrevista o secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, quen será o encargado de coordinar a campaña dos socialistas galegos nas eleccións municipais do 28 de maio. "Queremos seguir gobernando a máis da metade da poboación galega", destaca. Despois de converterse na terceira forza política no Parlamento galego, o PSdeG busca manter o poder político coa vista posta nas eleccións galegas de 2024 mais coa dúbida de quen será o candidato ou candidata socialista á Xunta.

Por José Barros Blanco | Santiago de Compostela | 02/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Atopámonos actualmente nun dos momentos máis importantes da política galega nos últimos anos. Neste contexto, como afronta a coordinación da campaña do PSdeG nas eleccións municipais?

O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, en rolda de prensa. PSdeG
O secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, en rolda de prensa. PSdeG

Temos a responsabilidade de presentar as mellores candidaturas e os mellores equipos para as eleccións municipais. Son consciente do que iso supón, pero temos a inmensa fortuna de contar cun partido con máis de 10.000 militantes, que son a verdadeira alma e o corpo do socialismo galego que fai posible que na inmensa maioría dos concellos teñamos representación. O noso obxectivo é alcanzar, como mínimo, as 100 alcaldías. Hoxe temos unha representación importante en Galicia en case todos os concellos, e penso que temos o reto de seguir sendo a forza política que no ámbito municipal goberna a máis galegos e galegas. Queremos seguir gobernando a máis da metade da poboación galega.

Nunhas eleccións sempre é difícil predicir o resultado final, mais que expectativas depositan vostedes nos comicios do 28-M?

As eleccións municipais permiten valorar a confianza que desprende cada proxecto político. No caso do PSdeG, somos unha garantía á hora de xestionar os servizos de proximidade, as entidades locais. No día a día de cada concello, o Partido Socialista demostrou que goberna pensando na maioría social e que aplica políticas de vangarda e de progreso.

A cidadanía apostou maioritariamente por nós ao longo dos últimos 44 anos de corporacións democráticas, desde a recuperación da democracia no Estado, porque somos a columna vertebral do sistema político español e galego. Somos unha forza política que transmite confianza porque as políticas que facemos no eido municipal son ben recibidas e ben valoradas. Desde logo non somos ningún experimento, non somos flor dun día, somos un partido con máis de 140 anos de historia que está testado. Iso é unha garantía de éxito na xestión municipal.

Aínda que as eleccións municipais conta cunha gran importancia pola súa propia natureza, no caso do 28-M semella que os comicios xogarán un papel fundamental á hora de dirimir o que ocorra nas seguintes citas electorais

Penso que as eleccións municipais son moi importantes para o proxecto político dos socialistas galegos, e polo tanto, axudarán sen dúbida ningunha a poder obter tamén ter un bo resultado nas eleccións xerais e a impulsar as dinámicas de cambio que en Galicia son xa moi visibles. Hai un partido político como o PP que leva gobernando xa desde o ano 2009 e vese que estamos diante dun esgotamento dese proxecto político. Vemos un fin de ciclo e polo tanto as eleccións municipais teñen unha gran importancia en tanto en canto van a supoñer unha primeira etapa dese cambio político en Galicia.

Estes comicios son importantes porque referendarán a posición política do PSdeG como alternativa de goberno. En Galicia, a alternativa de goberno pódese construír en torno a un partido político con experiencia de goberno no ámbito municipal e no ámbito estatal. Tamén no ámbito galego. Nos concellos, sexan pequenos, grandes ou medianos, temos moitos alcaldes e alcaldesas que amosan todos os días a boa operativa e a boa xestión. Son un bo reflexo do que o Partido Socialista pode facer noutros ámbitos. Estamos en disposición de ter persoas e equipos non só capaces de xestionar os concellos, senón que tamén de xestionar Galicia.

Pensa vostede que esta cita electoral pode marcar o comezo dun cambio de goberno á fronte da Xunta de Galicia?

En Galicia estamos diante dun fin de ciclo. O goberno do PP é un goberno ausente, que non é capaz de dar resposta aos principais problemas que teñen os galegos e as galegas, e que non responde a aqueles aspectos nos que ten competencias exclusivas. Alberto Núñez Feijoo deixou a Atención Primaria nunha situación precaria, e Alfonso Rueda non é capaz de darlle solución aos problemas estruturais da sanidade, algo que lle preocupa moito aos galegos e ás galegas.

Hoxe en Galicia para que a unha persoa o vexa un médico ou unha médica pode chegar a tardar entre dez e catorce días. E non se ve que o goberno do PP estea en disposición de dar solución aos problemas da Atención Primaria. Tampouco que teña respostas claras nin proxectos para a industrialización ou para aproveitar as oportunidades que agora mesmo se abren en Galicia en torno ás enerxías renovables. Hai unha ausencia de proxecto político para darlle esperanza, ilusión e futuro aos galegos e galegas. Polo tanto, o que vemos é que o PP ten un proxecto político que está esgotado, e cremos que as eleccións municipais van ser ese primeiro paso que a cidadanía dará para impulsar o cambio político en Galicia.

Menciona vostede a situación da sanidade pública no país, que leva ocupando o foco mediático nos últimos meses. Como pode afectar esta variable ao resultado das eleccións?

Se me permite, voulle dar outro dato. Máis do 60% dos concellos galegos non conta cun servizo de pediatría na Atención Primaria. Cando eses servizos están en precario, cando a atención pediátrica non existe en seis de cada dez concellos, estamos falando de problemas que requiren decisións de calado, grandes acordos políticos entre todas as forzas e asumir que hai unha situación de deterioro moi importante.

Polo tanto, o Partido Socialista que contribuíu e contribúe a crear sistema actual do estado de benestar que hai no Estado, cunha sanidade pública da que se sinte moi orgulloso, entende que as políticas do PP precarizando este sistema público sanitario deben ser revertidas. É probable que nos comicios municipais haxa un castigo pola maneira que ten o PP de xestionar un servizo público tan importante como é o da sanidade. Penso que estamos en boa disposición de estar á altura do que nos piden os galegos e as galegas.

Nas pasadas eleccións galegas, obtiveron un resultado que se podería cualificar como negativo. Sendo os comicios municipais unha cita electoral que responde a unhas claves diferentes, como traballan no PSdeG para que ese resultado non se reflicta no 28-M?

A nova dirección do partido traballa desde hai 15 meses na reconstrución do proxecto político do PSdeG para Galicia, onde os concellos xogan un papel relevante, sen dúbida ningunha. Somos conscientes de que partimos dunha posición difícil, dado que atopamos o partido como terceira forza política do Parlamento de Galicia, e polo tanto, traballamos no día a día para darlle a volta a esa situación. Sabemos que para que haxa un cambio político en Galicia o PSdeG ten que ser o elemento catalizador central dese cambio político.

Somos conscientes de que punto partimos e somos realistas, pero tamén é certo que contamos coa fortaleza e cunha presencia territorial moi homoxénea no conxunto do país, con magníficos compañeiros e compañeiras que teñen moito que achegar, tanto no plano municipal como no plano galego. Non é menos certo que contamos tamén coa colaboración do ámbito federal do PSOE, traballando de forma coordinada coa dirección do partido. Todos eles son elementos positivos para o traballo político e para presentarlle aos galegos e ás galegas as mellores propostas.

Mentres que o PP con Alfonso Rueda e o BNG con Ana Pontón teñen liderados ben definidos, semella que o PSdeG carece dunha figura con ese recoñecemento. Contan cun secretario xeral como Valentín González Formoso, mais que terá que compatibilizar o seu liderado coa candidatura á alcaldía das Pontes. Nas últimas semanas, figuras como Xosé Ramón Gómez Besteiro ou José Miñones, novo ministro de Sanidade, soaron como futuribles candidatos socialistas á Xunta. Como xestionan esta situación?

O PSdeG ten un liderado claro e nítido con Valentín González Formoso como secretario xeral, quen ademais actúa como un magnífico expoñente da capacidade de solvencia e de xestión tanto no ámbito da deputación provincial da Coruña como no ámbito municipal. Temos unha cara perfectamente recoñecible e identificada coa visión do PSdeG, cunha gran capacidade para entender os problemas da cidadanía, experiencia á hora de dar respostas e un traxecto na xestión local. O PSdeG ten un liderado claro, e abordaremos cando toque a elección do candidato ou candidata á Xunta. Farémolo seguindo as normas das que nos dotamos no partido, e participará toda a militancia, pero hoxe a prioridade do PSdeG son as eleccións municipais. Niso estamos centrados, co noso secretario xeral á cabeza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta