Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/04/2023 | Actualizada ás 14:24
Amig@as das Árbores de Ourense denuncian un “arboricidio” da Carballa da Rocha, no Concellode Rairiz da Veiga. Segundo sinalan, unha da irmás da carballa foi tallada polo pé e a outra “decapitada”. Ademais, indican que na contorna deste monumento natural e na área da reserva da biosfera “están tallando polo pé e desmoucando carballos centenarios sen xeito e sen ningún tipo de control”.
Lembran que Galicia é o territorio con menos espazo protexido de Europa un escaso 12% cando a media europea é de máis do 30% pero que, en cambio, a Xunta e as consellerías responsables de xestionar o patrimonio natural e vixiar o cumprimento da lexislación (neste caso a Consellería de Medio Ambiente e a do Medio Rural) actúan co “total desleixo e aplican o ‘deixar facer deixar pasar’".
A Carballa da Rocha é un dos poucos monumentos naturais con que conta Galicia, foi declarada como tal no 2007. Árbore senlleira situada na parroquia da Saínza dentro do corazón da Reserva da Biosfera (Allariz, A Bola, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga). Protexido por lei, este carballo é un dos de maiores dimensións da Península Ibérica (30 metros de altura e un perímetro de 690 centímetros).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.