Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2023 | Actualizada ás 21:59
O PP de Santiago presentou ante a Xustiza denuncia polo aluguer por parte do Concello da capital galega dunha nave da empresa Desproi, situada no Polígono Costa Vella e vinculada ao exconcelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, para acoller servizos dos departamentos de Parques e Xardíns e de Medio Rural. Unha estratexia semellante a que realizou en Lugo a agora candidata popular nesta cidade, Elena Candia, contra o entón presidente da deputación e hoxe delegado do goberno en Galicia, José Ramón Besteiro.
Así, segundo fontes consultadas por Europa Press, a denuncia formúlase contra o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e outro seis edís membros da xunta de goberno local. En concreto, na denuncia figuran o propio exconcelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, e os concelleiros Gonzalo Muíños, Milagres Castro, Mercedes Rosón, Gumersindo Guinarte, Esther Pedrosa e Marta Abal.
Ademais, no escrito rexistrado polo portavoz do grupo municipal popular, José Antonio Constenla, figura tamén o secretario de Organización de UGT-Galicia, José Luís Fernández Celís, administrador único de Desproi Promocións S.L.
Os populares piden aos tribunais que investiguen se no contrato de aluguer desta nave producíronse delitos de "tráfico de influencias, malversación, fraude na contratación, negociacións prohibidas a funcionario público e prevaricación".
CASO PICHEL
Os feitos que agora o PP local leva aos tribunais transcenderon no mes de xaneiro, cando se coñeceu que o Concello de Santiago alugou unha nave industrial para o departamento de Parques e Xardíns a unha empresa vinculada ao concelleiro de Medio Rural, que presentou a súa dimisión.
Coa saída de Pichel, o alcalde daba o caso por pechado, pero a oposición insistiu en esixir "responsabilidades" ao resto do Goberno encabezado por Sánchez Bugallo. Ademais, segundo puido saber Europa Press, Desproi S.L, a empresa da nave alugada, é propiedade ao 63,69 por cento doutra firma, Ribaterra S.L., que pertence a UGT-Galicia.
Agora, o PP de Santiago presenta denuncia contra Desproi S.L., o secretario de Organización de UGT-Galicia, o alcalde da capital galega, o exconcelleiro de Medio Rural e outro seis edís do goberno local.
PSOE FALA DE "ESTRATEXIA ELECTORAL"
Pola súa banda, o PSOE de Santiago cualificou de "estratexia electoral" a denuncia presentada. Para os socialistas, esta denuncia chega "casualmente" o mesmo día no que se convocan as eleccións municipais, polo que consideran que é unha actuación que "só se pode entender dentro da estratexia electoral habitual dun partido que ten por costume levar aos xulgados o que non pode gañar nas urnas".
"É evidente que esta denuncia non busca responsabilidades políticas, que xa se asumiron de maneira inmediata, senón que hai unha clara intencionalidade política. É, polo menos, curioso, que tendo coñecemento desta situación desde decembro de 2022, desde o Partido Popular de Santiago esperasen ata xaneiro deste ano para facer pública a información e outroS tres meses en realizar a denuncia", relata o PSOE santiagués nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.