Aberto o prazo da VIII edición da Bolsa 'Nacho Mirás' para xornalistas noveis

O prazo para presentar proxectos pechará o vindeiro 15 de xuño.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 20:50

Comparte esta noticia

A facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleu este luns a presentación da oitava Bolsa 'Nacho Mirás' para xornalistas noveis, organizada e desenvolta polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca.

Presentación da VIII Bolsa 'Nacho Mirás'.
Presentación da VIII Bolsa 'Nacho Mirás'.

O acto abriuno Alba Silva Rodríguez, vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, quen agradeceu ao Colexio de Xornalistas e a Abanca o seu apoio á iniciativa e repasou os anteriores gañadores da Bolsa Nacho Mirás, destacando que "a meirande parte dos proxectos son de ex alumnos desta facultade".

Pola súa parte, o director de Zona de Abanca en Santiago, Ramón Mariño Pérez, manifestou a satisfacción da entidade bancaria por seguir colaborando con este proxecto. Por último,  Xaime Leiro, da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, fixo tamén unha lembranza de Nacho Mirás, de quen manifestou que "me fixo sentir, me fixo pensar e me fixo chorar", polo que é un "orgullo", asegurou, ter unha bolsa para xornalistas noveis que leve o seu nome

BASES DA BOLSA

Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2023, 2022, 2021, 2020 ou 2019) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.

 

As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal o formulario de inscrición, a fotocopia do título (ou copia do expediente para os estudantes de último curso), unha descrición do proxecto e cronoloxía de traballo, o orzamento estimado, a declaración de non ter concedida nin solicitada ningunha outra axuda e unha nota sobre o autor ou autores, que poderá acompañarse dun breve currículo de cada un de eles.

 

O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. O fallo do xurado darase a coñecer no mes de xuño.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta