Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/04/2023 | Actualizada ás 18:48
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se "paralicen as verteduras de 4 millóns de metros cúbicos" de augas contaminadas á ría de Muros-Noia.
Pontón mantivo este martes unha reunión con representantes da Plataforma contra as verteduras da mina de San Finx. "Despois da multitudinaria manifestación na comarca de Muros-Noia, que levou a cabo en febreiro, o Goberno do PP segue facendo oídos xordos e vemos que xa empezaron as obras para levar a cabo a vertedura", denunciou a dirixente nacionalsita.
Así, advertiu de que se está levando a cabo "unha acción que pode ter un efecto devastador sobre a actividade pesqueira e marisqueira dun ecosistema único", do que viven "miles de familias", mentres que "o PP do señor Roda permítelle a unha multinacional seguir adiante cuns plans de verteduras que representan un atentado ambiental".
Fronte a iso, o BNG móstrase "firme" na súa posición e manifesta todo o seu apoio ao sector pesqueiro e pide a Rueda "que deixe de pór os intereses dunha multinacional con sede en Australia por encima dos intereses de miles de familias que viven da pesca e marisqueo".
O BNG reivindicou que "se sitúa sempre á beira das persoas, colocándoas no centro das súas políticas". Por iso, manifestou aos representantes da plataforma que estarán a "o seu lado" para defender o seu dereito a vivir do seu traballo".
Pontón insistiu en que o PP "tería que ter a decencia política de defender Galicia". "Rueda ten que gobernar dunha vez para a xente", aseverou, ademais de alertar ante unha "bomba ambiental".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.