Que pasa co negocio das aeronaves de salvamento e loita contra os lumes en Galicia?

Os tres grupos da Cámara galega aprobaron unha iniciativa na Cámara para que se investigue o que está pasando en Babcock International/Avincis, empresa que xestiona o servizo de Salvamento marítimo de Galicia e o de loitra contra incendios, entre outros. Hai uns meses, a empresa pasou ao fondo de investimentos Ancala Partners que tamén controla case o 50% da filial de enerxías renovables de Ence.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Algo pasa no negocio das aeronaves privadas en Galicia tras a a aterraxe do fondo de investimentos Ancala Partners no sector. Ata o PP amosase agora partidario de investigar o que está facendo esta multinacional logo de que o Parlamento aprobaro, co apio de todos os grupos, instar ao Goberno da Xunta a "levar a cabo as investigacións que determinan as posibles responsabilidades nas que a empresa Babcock International/Avincis --en mans de Anala Partners--  podería estar a incorrer respecto das cláusulas do contrato do servizo de Salvamento marítimo de Galicia".

Helicóptero Pesca 2.. TWITTER SALVAMENTO MARÍTIMO
Helicóptero Pesca 2.. TWITTER SALVAMENTO MARÍTIMO

FONDO BRITÁNICO

O fondo de investimentos británico Ancala Partners, especializado no investimento en infraestruturas do mercado medio é agora o dono dos negocios de servizos aéreos de emerxencia da antiga Babcock International en España, Portugal, Italia, Noruega, Suecia e Finlandia. Deste xeito, Babckok, agora Avincis, pasará a xestionar o suculento negocio da extinción de lumes en Galicia.  Esta foi a segunda gran operación de Ancala Partners en España tras adquirir o 49% da filial de enerxías renovables de Ence por 359 millóns. 

CONTROL DO DISPOSITIVO AÉREO CONTRAINCENDIOS

Babcock hai anos que forma parte do operativo da Xunta contra o lume. O último contrato gañouno en 2020 e prorrogouse até 2023 por máis de 3 millóns de euros á espera de que se aprobe o novo contrato de helicópteros por un importe de 13,4 millóns tal e como xa informou Galicia Confidencial.

Un avión de extinción de incendios de Babcock tenta apagar un lume
Un avión de extinción de incendios de Babcock tenta apagar un lume | Fonte: César Argina - EP

Pero en Galicia esta empresa tamén controla os helicópteros de Salvamento Marítimo e durante moito tempo tamén o transporte aéreo de urxencias médicas do 061. A empresa agora vendida conta con máis de 150 pilotos no dispositivo de extinción de incendios.

INAER era a empresa referencia en todo o estado para o aluguer e prestación de servizos mediante helicópteros. Naceu da fusión de dúas empresas, Helicsa (Helicópteros S.A.) e Helicópteros del Sureste. En 2017 Inaer é mercada por Babcock International Group, empresa británica especializada en contratacións co ministerio de Defensa do Reino Unido.

No caso galego, Babcock, que creou unha filial galega, Babcock Mission Critical Services S.L., presentouse á licitación de contratos para helicópteros do 061 en Ourense e Santiago. A licitación pasou a Habock, empresa que agora se chama Eliance, mentres que Babkock pasou a chamarse Avincis.

SALVAMENTO MARÍTIMO

Desde hai anos, esta empresa está sumida en problemas laborais con folga de traballadores incluída, que afectou, ademais, ás tripulacións de helicópteros contraincendios, Gardacostas de Galicia e algúns do 061. Unhas protestas que cuestionaron o modelo de xestión deste sector, importante para tres áreas importantes para a seguridade da cidadanía en Galicia. 

O salario base dun rescatador que traballe para Babcock anda entre 1.600 e 1.700 euros. A isto engádenselle unha serie de complementos que poderían sumar uns 300 ou 400 euros a fin de mes. Tras a chegada da multinacional, a xestión do servizo precarizouse e aplicaronse rebaixas que afectaron tanto a salarios como complementos.

MILLÓNS DE EUROS

Babcock-Avincis, agora de Ancala Partners, ten contratos por todo o Estado. O negocio en Galicia é millonario. A Xunta de Galicia estimaba en 2012 o servizo de salvamento marítimo, daquela con dous helicópteros en 45.105.000 millóns de euros. Babcock, levou o contrato por case 31 millóns de euros. Esta empresa tamén foi a adxudicataria do concurso de Medio Rural de dous helicópteros contraincendios para  2019, 2020, 2021 e 2022, por un valor estimado de  15.261.992 euros, sen IVE. 

INVESTIGACIÓN

Tra a aprobación da proposición non de lei, a Cámara tamén pide á Xunta "determinar as responsabilidades da empresa adxudicataria en canto ás normativas que regulan as actividades que se recollen no contrato" e tamén reclama "aplicar as penalizacións establecidas no contrato polos posibles incumprimentos do mesmo". Por último, de darse incumprimentos "graves", esixe "pór en marcha os mecanismos legais para a verificación da execución e cumprimento estrito do contrato coa empresa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta