A difícil misión de encontrar un aluguer: prezos polas nubes, condicións abusivas e falta de parque de vivenda

Os alugueres aumentaron o dobre só en dous anos nalgúns lugares. Detrás está a falta de vivenda habitacional e noutros sitios o aluguer turístico está retirando do mercado lugares que antes eran vivendas alugadas todo o ano. Hai uns anos era a xente nova a que máis dificultades tiña para alugar, hoxe en día é un problema transversal ou interxeracional. Ninguén se está librando destas subas e das condicións draconianas dalgúns propietarios.

Por Moncho Mariño | Compostela | 19/04/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As 50.000 vivendas que Pedro Sánchez anunciou mobilizar desde a Sarevb soou a novo reclamo electoral. Así o sentiron inquilinos, propietarios, asociacións de inquilinos, asociacións de consumidores e, por suposto, os partidos da oposición non deixaron pasar a oportunidade para lanzar as súas frechas contra a proposta de Sánchez. Sexa un reto imposible ou non, a cuestión é que agora mesmo o mercado de alguer habitacional estase complicando para a maioría das persoas. A día de hoxe son a inmensa maioría dos sectores sociais quen senten nas súas persoas o “case imposible” traballo de pagar unha renda de aluguer que non absorba a maioría dos salarios entrantes.

Cartel de aluguer
Cartel de aluguer | Fonte: Europa Press

ABUSOS EN CONTRATOS

A sinatura dun contrato de aluguer moitas veces pode levar detrás tácticas consideradas abusivas por representantes dos inquilinos. É alegal que o propietario ou propietaria pida un aval, adiantar dous ou tres meses de fianza ou pedir unha nómina dunha persoa que  poda avalar ao futuro inquilino. “Existen casos en que, debido á alta demanda, os propietarios da vivenda mesmo cobran por mostrar a vivenda” di Miguel López, da Unión de Consumidores Galegos (UCGAL). Outra manobra é depositar un diñeiro previo ao aluguer aínda que despois non lle aluguen á persoa interesada.

Na Coruña en dous anos os prezos por aluguer subiron o dobre, de entre 300 ou 400 euros por mes, agora estariamos en 700 ou 800 euros e de aí para arriba” di Miguel Estévez, vogal da Asociación de Inquilinos da Coruña. “Cos actuais salarios é moi difícil cubrir os gastos que xera o aluguer, o IPC está  polas nubes e o Goberno lexislou para que as rendas non suban máis do 2%”.

Ademais, se até hai uns anos a xente nova era quen máis dificultades tiña para alugar, a día de hoxe, todos os sectores da “clase media” están afectados polo mesmo problema. Isto vese exacerbado pola dificultade que poñen os bancos para pedir créditos, as altas hipotecas se unha persoa se decide a mercar, mais tamén está a rendabilidade que lle busca o propietario á vivenda que aluga.

Os pisos turísticos están reducindo a presenza de vivendas para alugar, pois moitos propietarios ven unha oportunidade de ouro alugando polo triplo ou máis aos turistas. “En Santiago logo de conversas con Concello, conseguimos que o PXOM limitase o número de pisos turísticos, á parte que cremos que é unha competencia desleal cada o sector hoteleiro”, sinala Miguel López.

PROBLEMAS LEGAIS

“Unilateralmente o propietario pode poñer unha serie de condicionantes como son as fianzas triplicadas, os avais de entidades financeiras e mesmo chegar a pedir 4.000 euros ou 5.000 por adiantado” di López. Por outra parte, “a maioría dos propietarios só queren cobrar a fin de mes e non se ocupan do mantemento da vivenda” sinala Estévez. A sensación é como se os propietarios non quixesen arrendar ante cuestións como esta.

Porén, as novas leis establecen que unha persoa pode estar vivindo nunha casa por dous anos máis co contrato finalizado. A cuestión é que se alguén deixa de pagar as rendas, os propietarios recorrerán a todas as vías posibiles para o desaloxamento da vivenda.

Estamos falando de dereito civil, o contrato de aluguer é entre particulares, as inmobiliarias ou axencias son intermediarias” di López. O problema pode presentarse para as dúas partes. “Se o inquilino quere reclamar a fianza e o propietario non a devolve, hai que acudir aos tribunais ordinarios” remarca Estévez, “un procedemento legal moi lento”.

Existen casos como as persoas en risco de vulnerabilidade social que, no caso de finalizaren o contrato de aluguer, poden vivir dous anos máis nesa vivenda. Os propietarios recorrerán á lexislación vixente e emitirase unha orde de desafiuzamento. “Hai casos de persoas con tres anos sen poder pagar, mesmo desde a asociación temos parado tres lanzamentos (desafiuzamentos) contra unha persoa en risco de exclusión social”.

O problema da vivenda está baseado en boa parte nos escasos salarios e nas rendas cada vez máis altas. Baséase na crise económica, por tanto, que nestes momentos padece todo o Estado cunha inflación elevada e fóra de control, segundo as fontes consultadas. En vindeiros días haberá reunións entre asociacións de consumidores, inquilinos e de axuda social con algúns concellos de cara á procura dunha solución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Algúns levamos 16 anos soportando un proceso de Gentrificación deliberado para vender a prezo de ouro os solares da Sareb e non só non construir unha vivenda social senon subastar 40 pisos de propiedade municipal ao mellor postor ! Ese Concello chámase Vigo e seica está gobernado polo PSOE de Pedro Sánchez e Cía ! https://twitter.com/00Memoria/statu... Fartos de Inflación e fartos de Mentiras !