Polémica pola decisión da Xunta de ser a única fonte autorizada para informar sobre os incendios

O Colexio de Xornalistas pide a retirada do artigo 5.7 do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais ao considerar que se limita o dereito de liberdade de información.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/05/2023 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considera que a actual redacción do artigo 5.7 do Anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia pode ser interpretada como unha limitación da liberdade de información, ao apuntar implicitamente á administración como única fonte autorizada. Por esa razón, solicita á Xunta de Galicia a retirada deste artigo para evitar calquera posíbel lectura contra este dereito fundamental. 

Un avión de extinción de incendios traballa na extinción dun incendio no verán
Un avión de extinción de incendios traballa na extinción dun incendio no verán | Fonte: Europa Press

 A Xunta de Galicia anunciou o pasado 20 de abril o inicio da tramitación do Anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia, realizado pola Consellería do Medio Rural.  O CPXG refírese ao artigo 5.7 que recolle que "está prohibida para calquera persoa ou entidade pública ou privada a creación ou difusión de feitos ou datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio, incluídas as redes sociais".

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia considerada totalmente inadecuada a redacción deste punto, posto que pode entenderse como unha limitación do dereito á liberdade de información consagrado polo artigo 20 da Constitución Española. A indefinición do que sexa susceptíbel de considerarse como "feitos ou datos falsos" e o abandono do concepto de veracidade, utilizado pola carta magna e que pon o foco na profesionalidade con que se realiza a información, parecen apuntar implicitamente aos datos oficiais da administración como única fonte posíbel en materia de superficies queimadas. 

"Cómpre salientar que as e os xornalistas teñen a posibilidade (por non dicir a obriga deontolóxica) de obter datos alternativos sobre os lumes de distintas fontes, como axentes forestais, ambientalistas, a viciñanza ou os propios efectivos de extinción dos incendios", indica o Colexio de Xornaistas. Unhas testemuñas que teñen, por suposto, que ser contrastadas de maneira profesional, pero serven para contextualizar e, no seu caso, contrarrestar ou pór en dúbida os datos oficiais da administración, que non deixa de ser tamén unha fonte interesada

Por todo isto, o Colexio de Xornalistas traslada á Xunta de Galicia, polas vías correspondentes, a reclamación de que retire o artigo 5.7 do Anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais de Galicia, para evitar sen ningún xénero de dúbidas unha interpretación da norma que poida levar a coartar o exercicio do xornalismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta