Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2023 | Actualizada ás 17:12
O Bloque Nacionalista Galego e a CIG propoñen transformar a Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos S.A. nun instrumento para reverter o despoboamento rural e axudar á cohesión social e territorial. Ambas as organizacións defenden "aproveitar toda a potencialidade da empresa pública, ampliando os servizos para que poida actuar como entidade financeira pública e de seguros e, mesmo, como un operador de telefonía público".
Con iso, reclaman declarar á compañía empresa de interese social e utilidade pública, dotándoa de "orzamento suficiente" para facer fronte aos retos de servizos que debe cumprir na sociedade. Galicia, lembra o BNG, "está a sufrir un proceso acelerado de perda de servizos no rural, que está a xerar unha situación de alarma e, mesmo, provoca graves problemas aos veciños das aldeas" pola "perda de servizos esenciais.
"O propio informe do Consello Económico e Social estatal de 2018, así como o documento 'A estratexia España 2050' inciden na necesidade de fortalecer os servizos públicos", destaca o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que considera que Correos "debe de ser un instrumento útil para dar resposta a algunhas das necesidades sociais que se presentan na actualidade, especialmente nas zonas rurais".
A entidade, lembra Rego, ten "unha capilaridade en todo o territorio" e, por tanto, "dispón de capacidade suficiente" para contribuír a esa maior vertebración e cohesión social.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.