Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2023 | Actualizada ás 13:24
O Bloque Nacionalista Galego e Compostela Aberta (CA) acordaron este mércores iniciar o deseño do programa para o acordo de goberno no Concello de Santiago tras as eleccións municipais do 28 de maio e fixeron un chamamento ao PSOE para sumarse ao pacto.
Diso informaron este mércores as portavoces de cada formación no Consistorio da capital galega, Goretti Sanmartín (BNG) e María Rozas (CA), durante o transcurso dunha reunión para abordar este acordo de goberno, un encontro que celebran nun hotel da cidade.
Nun contexto no que tanto Compostela Aberta como o PSdeG avanzaron a súa intención de favorecer a investidura de Goretti Sanmartín o próximo 17 de xuño --data na que se constitúen as novas corporacións--, a candidata do BNG á Alcaldía explicou que no encontro CA trasladou oficialmente a súa intención de comezar a dialogar para facer un pacto de goberno.
"Agradecemos esta disposición para traballar conxuntamente polo Concello de Santiago e que o goberno se poña a traballar desde o primeiro día", destacou Sanmartín, que detallou que, a partir deste mércores, inician o deseño do programa de acordo de goberno e as cuestións relativas aos grandes problemas da cidade.
Tanto Gorretti Sanmartín como María Rozas mostráronse partidarias de alcanzar un pacto "sen dilatar os tempos" e tamén se mostraron favorables á entrada do Partido Socialista neste acordo. A reunión deste mércores ten lugar despois de que na xornada do martes a asemblea de Compostela Aberta dese luz verde á negociación dun pacto co BNG. Ademais, o xoves o BNG reunirase co PSOE local para continuar coas negociacións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.