Con estas palabras iniciaba días pasados a miña intervención nun encontro que o Foro E. Peinador mantivo con empresarios da comarca do Barbanza que preside Antonio Miranda, un emprendedor que predica co exemplo da explícita galeguidade nos seus negocios. A miña intención era espertar no auditorio o sentimento de País que sei que aniña neles, pero que non acaban de concretar nas súas actividades económicas. As causas son de moi variado tipo e nelas andan mesturadas as inercias históricas e os complexos lingüísticos.
Nestes encontros habituais con empresarios as miñas exposicións están salferidas de anécdotas ilustradoras. Cóntolles, por exemplo, como se producira a conversión lingüística de CASTROMIL, a máis importante empresa do transporte público naqueles tempos en Galicia.
Todo empezou en 1989, despois dunha conversa co presidente do Consello de Administración, o admirado amigo Ramón Castromil Ventureira. Estaba convencido de que na súa empresa sempre houbera conciencia de Galicia. Mais había que concretala, por iso decidíu dar o paso e galeguizala. En 1994 explicábao así: “Actualmente, e despois dun período histórico onde o que se pretendeu foi que se esqueceran as pegadas do noso patrimonio cultural e lingüístico, é dicir, desprovernos dos nosos sinais de identificación, Castromil, S.A., está en período de recuperarse con toda rapidez, do que nunca, no fondo, deixou de ser: unha empresa por e para Galicia”.
Tan rápido foi, que en menos de dous meses empezamos a desenvolver un plan ambicioso que foi ben visible para todos os viaxeiros: sinalética, billetes en galego; música ambiental e documentais sobre o patrimonio cultural de Galicia nos monitores de televisión dos autobuses, que foron rotulados todos eles con nomes de escritores e personaxes históricos; e ademais, en colaboración coa Xunta de Galicia, editamos os “Contos do Castromil”, que se repartían de balde aos viaxeiros. As nóminas e negociación colectiva redatáronse no noso idioma, incorporando ao texto un artigo recoñecendo os dereitos lingüísticos dos traballadores.
A empresa Castromil foi un exemplo de galeguización empresarial que mereceu os parabéns dos usuarios pola celeridade e naturalidade que contaxiou de entusiasmo a outras que axiña imitaron o seu exemplo.