FACUA denunciará a todos os festivais que leven a cabo prácticas abusivas

"Os participantes teñen dereito a introducir comidas e bebidas do exterior, dado que a actividade principal destes eventos non é a hostalaría, senón a celebración de espectáculos musicais", explican dende a organización.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/06/2023 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

FACUA-Consumidores en Acción iniciou unha batería de denuncias contra organizadoras de festivais de música de toda España por impedir a entrada con comida e bebida do exterior. A asociación xa presentou denuncias contra os promotores do Son do Camiño de Santiago de Compostela -que terminou rectificando, segundo explicou a organización-, Pirata Beach Festival de Gandía, Interestelar de Sevilla, Icónica Fest de Sevilla, concerto de Antílopez en Sevilla, e o Boombastic, celebrado xa en Madrid e Gran Canaria.

Así mesmo, lembrou que en 2022 xa denunciou igualmente a máis dunha vintena de festivais por incorrer nesta práctica. "Os participantes teñen dereito a introducir comidas e bebidas do exterior, dado que a actividade principal destes eventos non é a hostalaría, senón a celebración de espectáculos musicais, polo que esta prohibición para o acceso ao recinto non é necesaria para a correcta consecución da súa actividade", explicou.

Así, FACUA convidou aos usuarios que teñan coñecemento destas prácticas a que o trasladen á asociación para que valore a interposición da correspondente denuncia ante as autoridades de consumo. De igual forma, indicou que os consumidores poden reclamar os prexuízos económicos que sufran polo sobreprezo que teñan que asumir ao adquirir os alimentos no recinto, aconsellando á súa vez gardar comprobantes de todas as consumicións.

A asociación reclamou ás administracións competentes a nivel autonómico e local que desenvolvan controis sobre os eventos que se celebran no seu territorio e abran expedientes sacionadores a aqueles que incorran nesta práctica abusiva. Tamén sinalou que as multas impostas deben ser proporcionais ao aforo dos eventos, para que así non lles salga máis rendible pagar a correspondente sanción que o beneficio que obteñen obrigando aos asistentes a comprar alimentos no seu interior.

Público no Son do Camiño/Álvaro Ballesteros - Europa Press /
Público no Son do Camiño/Álvaro Ballesteros - Europa Press /

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta