Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2023 | Actualizada ás 18:30
Un chip xenético desenvolvido por un consorcio europeo liderado polo CSIC permite distinguir con alta precisión a orixe xeográfico do mexillón cultivado en Galicia e garante así a autenticidade do molusco galego. A nova ferramenta creada no marco do proxecto europeo ‘Sea Traces’, liderado polo grupo do Bioquímica dos Alimentos do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, posibilita, a través de técnicas de secuenciación e análises xenéticas, identificar 17 marcadores específicos deste molusco bivalvo procedente de Galicia.
Para a creación deste chip, o centro tecnolóxico Azti contou coa colaboración do grupo Acuigen do Campus Terra da USC, un equipo de investigación coordinado polo catedrático de Xenética Paulino Martínez Portela e especializado no desenvolvemento e na aplicación de ferramentas xenómicas para a xestión sustentable de pesquerías e para a súa aplicación en programas de selección de peixes e moluscos, así como para a trazabilidade alimentaria.
A disposición desta nova ferramenta xenómica, creada a partir da composición xenética da especie de mexillón mediterráneo (Mytilus galloprovincialis) e trala identificación dos seus marcadores específicos, ofrece tamén a produtores e investigadores expertos un novo recurso para identificar, validar e avaliar riscos xenéticos complexos nesta especie. Os resultados deste chip xenético poden contribuír á explotación sustentable destas especies, ademais de resultar útiles para combater ou evitar o fraude comercial e mesmo para garantir a súa trazabilidade.
A posta en valor da pesca e da acuicultura na área atlántica da UE a través dunha correcta etiquetaxe que permita ao consumidor coñecer e rastrexar a orixe do produto, constitúe un dos principais cometido de ‘Sea Traces’. No marco deste programa, que remata este ano tras a súa posta en marcha en 2018, o centro tecnolóxico AZTI liderou un estudo xenético no que se identificaron 17 marcadores específicos do mexillón galego, logo de analizar máis de 200 mostras de moluscos de diferentes procedencias xeográficas. A partir desta información, AZTI e o grupo Acuigen da USC desenvolveron este novo chip xenético.
Os resultados acadados antóllanse importantes para comprender a dinámica xenética das poboacións de mexillóns cultivados, ademais de ser tamén útiles para avaliar a efectividade das prácticas de manexo e selección na acuicultura. Tamén proporcionan información valiosa para o desenvolvemento de estratexias de conservación e mellora xenética desta especie de importancia económica e ecolóxica.
“Rastrexar a orixe xeográfica desta especie é crucial para o desenvolvemento e a implementación de estratexias de manexo para mitigar a invasión e protexer a explotación sustentable de especies nativas”, explica Ane del Río, investigadora de AZTI experta en integridade alimentaria.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.