O PP ábrese a negociar unha iniciativa do BNG para que retornados de Suíza poidan ter sanidade gratuíta

O deputado nacionalista Daniel Castro lamentou que "o máis grave" para os retornados é que non teñan sanidade pública en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2023 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

O BNG presentou unha iniciativa no Parlamento, que se debateu este martes e votarase o mércores, na que demanda á Xunta mellorar a situación dos máis de 40.000 galegos en Suíza a través de diferentes medidas. Entres as súas peticións, o PP abriuse a negociar para chegar a un acordo relativo a dous puntos: permitir "o acceso gratuíto" á sanidade pública dos retornados que non cotizasen en España e a emisión na canle internacional da TVG de programación infantil.

No pleno do Parlamento, o deputado nacionalista Daniel Castro lamentou que "o máis grave" para os retornados é que non teñan sanidade pública en Galicia. Ve unha "vergoña" que teñan que pagar unha cota mensual a pesar de verse obrigados a emigrar, polo que se converten en "cidadáns de segunda".

A proposta do Bloque --que conta co apoio do PSdeG-- tamén avoga por recoñecer automaticamente as pensións de invalidez e certificados de discapacidade emitidos nos estranxeiros dos galegos que retornen. Igualmente, pide un convenio para a homologación directa de títulos de FP, así como crear unha oficina permanente do Goberno galego para asesoramento.

Respecto diso, Moisés Rodríguez (PP) dixo que o seu grupo se preocupa por mellorar a situación dos emigrantes en Suíza, pero avisa: "Sempre dentro das nosas competencias". Considera que esta proposta do Bloque "confundiu o foro" ou "non ten moi claro as competencias de cada administración". Remarca que a Xunta non ten competencia sobre algunha das demandas que realiza, tales como a homologación de títulos de FP ou as pensións. Con todo, abriuse a negociar un acordo relativo aos puntos de sanidade pública e programación da TVG internacional.

Parlamento de Galicia. PARLAMENTO
Parlamento de Galicia. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta