Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2023 | Actualizada ás 12:56
Centos de traballadores das ambulancias de Galicia maniféstanse no mediodía deste mércores polas rúas do centro de Santiago para reclamar "un convenio digno" á patronal, así como para pedir á Xunta que actúe.
Esta protesta enmárcase nas folgas convocadas polos sindicatos CIG, UGT, CCOO e USO ante a "paralización" das negociacións desde hai dous meses, algo do que acusan á patronal, á que piden un aumento retributivo blindado ao IPC, entre outras melloras.
A manifestación iniciouse en Praza Roxa ao redor das 12,00 horas e transcorreu por diversas rúas do Ensanche --paralizando o tráfico no centro-- e o centro histórico compostelán, ata finalizar en Praza de Cervantes. A semana pasada houbo dúas xornadas de folga do sector das ambulancias os días 6 e 7 de xullo, ás que seguirá unha segunda convocatoria os días 19, 20 e 21.
SANIDADE
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, descartou a idea de que a Xunta de Galicia asuma de forma directa o servizo de ambulancias como solicitan sindicatos e pediu aos traballadores que manteñan a integridade dos vehículos e non os danen ou lles piquen as rodas.
Nun acto en Vigo, Comesaña explicou que este pasado martes reuniuse coa patronal e cos representantes dos traballadores das ambulancias para tratar de solucionar un conflito, que levou ao sector a dous días de folga a semana pasada e á convocación de máis xornadas de paros.
"Dixémoslles ás dúas partes que isto é unha negociación dun convenio colectivo entre patronal e traballadores das ambulancias, que teñen que resolver entre eles. Non podemos participar nas negociacións nin nas discusións. Si que temos que garantir o servizo", explicou o conselleiro, que se mostrou disposto a traballar nos ámbitos que lle competen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.