Por Moncho Mariño | Santiago | 05/08/2023 | Actualizada ás 22:00
O parque habitacional galego conta con máis de medio millón de vivendas sen ocupar (506.370) inseridas dentro do total de 1.757.739 fogares baleiros en todo o Estado. Despois do estourido da burbulla inmobiliaria e a crise vinculada a el, foron moitas as familias que perderon as súas residencias ben por imposibilidade de afrontar o aluguer, o pagamento das hipotecas, das facturas, etc. Pasados quince anos cunha crise económica de consecuencias descoñecidas desde había décadas, nin o parque de vivenda galego nin por extensión, o estatal, resolveron o problema da falta de vivenda, sobre todo para familias vulnerables.
LIBERDADE DE MERCADO
“O estudo con esas cifras redactouno a Unión Europea hai tempo e para nós o problema está no neoliberalismo e o libre mercado” din desde Stop Desafiuzamentos Compostela (SDC). “A maioría desa vivenda está en aldeas, en áreas rurais e son casas en ruínas e con problemas de habitabilidade”. “Só en Lugo cidade temos 12.000 vivendas baleiras” din desde a Plataforma de Afectados pola Hipoteca de Lugo (PAHL). O mesmo estudo pon a Vigo e A Coruña como a segunda e terceira cidade de máis de 200.000 habitantes con maior número de espazos habitacionais desocupados.
O mercado da vivenda en Galicia, o mesmo que o resto do Estado, encareceu os prezos tanto de venda como aluguer. Actualmente nunha cidade como Santiago de Compostela en dous anos os prezos pasaron de 300€ por mes a 700€ para alugar un piso. “Todo é mercadoría, incluída a vivenda, e isto fai que a propiedade privada prevaleza sobre o dereito á vivenda digna” sinalan de SDC.
“A maior parte da xente vai vivir ás áreas de costa e aí os prezos son moito máis elevados” din desde Stop Desafiuzamentos Barbanza (SDB). “Esa é a razón de que Lugo e Ourense teñan máis casas sen ocupar” remarcan. Detrás dos elevados prezos na costa está a especulación inmobiliaria que busca un rendemento moito maior que se se estivese cobrando un aluguer. “En Ribeira hai baixos que foron mercados por 80.000€ e están baleiros pois os propietarios esperan vendelos por 150.000€ por exemplo”.
A mesma especulación é a que crea unha burbulla de prezos elevados con respecto aos alugueres. “No centro de Santiago só o 14% das construcións están destinadas a vivendas mentres que o 86% restante ou é para comercio, hostalaría ou aluguer turístico” din de SDC. “O turismo acaba coa posibilidade de poder ter unha vivenda e converte as cidades en parques temáticos”.
Segundo a Xunta, a publicación de novos datos do INE sobre vivendas baleiras modifica de forma substancial a información dispoñible ata o de agora. "Os datos de vivendas baleiras existentes xa non se basean no traballo de axentes censais que visitaban todas e cada unha das vivendas, como se facía en tempos pasados". Pero incluía como “vivendas baleiras” ata ruínas de antigas vivendas. "Agora determínase o uso das vivendas en función do consumo eléctrico, o que pode supoñer manter os mesmos datos distorsionados de 2011, incrementados coas vivendas que rexistran baixo consumo eléctrico".
Sobre isto último desde a Xunta engaden tamén que "o uso do consumo enerxético como indicador único é moi parcial, botándose en falta que tamén se analizase o consumo de auga e gas, que permitirían ter unha visión moito máis completa e realista da situación".
En calquera caso, para o goberno galego, os datos publicados son provisionais, como indica o propio INE na súa nota de prensa: “Estos resultados tienen aún la consideración de provisionales dado que es preciso profundizar aún en la mejora de las fuentes y en su análisis.”
MALTRATO E DEREITO Á VIVENDA
“Cando comezamos coas mediacións para frear e negociar desafiuzamentos, moitas veces as autoridades, sobre todo locais, aludían a que iso eran cuestións privadas entre propietario e inquilino” din de SDBarbanza. Porén, non son as autoridades locais as posuidoras de todas as competencias en materia de vivenda, isto correspóndelle ao goberno autonómico.
“A Xunta tivo unha boa idea que era o Proxecto Aluga, se os inquilinos non pagaban o propietario coa fianza depositada e despois de tres meses sen pagar denunciaba”. O sistema do Plan Aluga ofrecía un seguro ante impagamentos e danos nas vivendas alugadas, aínda así, “non foi para adiante por non telo presentado á sociedade debidamente” e porque sospeitan dos intereses inmobiliarios privados que non vían con bos ollos este sistema.
As plataformas polo dereito á vivenda denucian ademais o maltrato por parte de propietarios (persoas físicas ou xurídicas) aos inquilinos para desaloxaren a súa vivenda. “Ás veces, moitos propietarios deciden non alugar por medo a 'se me ocupan a propiedade'”. “As manobras van desde non realizar arranxos necesarios na vivenda, que deben desaloxar porque se vai instalar un familiar ou 'xa pagarás'” destacan PAH de Lugo.
As diferentes asociacións consultadas denuncian a falta de vontade política para construír vivenda social, mesmo de facer aflorar a que está sen ocupar mediante convenios, pactos ou programas especiais. Detrás está, segundo estas asociacións: “o medo aos fondos de investimento que mercan estas vivendas e que constrúen para vender a prezos elevados”. No caso de construír vivenda social “farano nos arrabaldes e con vivendas de mala calidade para facer que ademais, os pobres compitan entre eles”.
Pola súa parte, a Xunta sinala que polo que respecta a vivendas baleiras que poderían estar no mercado de alugueiro, "os propietarios manifestan os seus receos a sacalas ao mercado como consecuencia da política levada a cabo polo Goberno de España nos últimos anos, o que causa inseguridade xurídica a moitos propietarios de vivendas, que prefiren mantelas baleiras".
Por ese motivo, a Xunta di ofrecer seguridade xurídica aos propietarios de vivendas que se acollen ao programa Vivendas Vivas. "E faino por medio de seguros de impagos e multirrisco do fogar, financiados ao 100% polo IGVS, sen custe algún para os propietarios das vivendas. E ademais con asistencia xurídica e con axudas para a rehabilitación ou mellora das vivendas".
A última denuncia de colectivos sociais é que o incremento nos alugueres non vai parello co aumento do SMI, punto este que obriga a moitas familias a deixar unha vivenda buscando outra máis asequible.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.