Por Galicia Confidencial | Allariz | 03/08/2023 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Allariz vén de presentar a súa V Feira de Produtos Apícolas, un evento que tenta consolidarse coma unha das feiras de referencia do sector en Galicia.
Contará con 12 postos que xunto cos apicultores locais formarán un gran escaparate que amosará toda a súa riqueza e diversidade na contorna da Praza do Matadoiro (no exterior do mercado da reserva da Biosfera) en horario de 10:00 a 20:00 h.
Na feira poderán atoparse produtos apícolas e coñecer unha gran variedade de meles ademais dos diferentes produtos da colmea, como o pole ou o própole e outros derivados do mel coma poden ser infusións, cervexas ou cosmética apícola. A intención da feira é afastarse da idea tradicional de mercado e amosar algo máis que os produtos da colmea.
PROGRAMACIÓN
Ás 12:30 h. haberá degustación de produtos da Reserva da Biosfera con mel.
Pola tarde, ás 18:00 h, haberá contacontos para público infantil, que trata a sensibilización e educación ambiental a través do conto de "Xela, a superheroína de aldea" da man de Inma Soto.
Ás 19:30 h. realizarase o sorteo de dúas cestas con produtos apícolas entre todas as persoas que participen mercando na feira.
A Asociación Galega de Apicultura e o Concello de Allariz organizan de forma conxunta esta feira coa intención de pór en valor este produto e todos os seus derivados. Ao longo do ano AGA e Concello colaboran tamén con iniciativas como o Día da Abella ou a través de cursos de formación para o sector.
Na presentación do evento estiveron presentes Raul Vasalo e Antonio García, membros de AGA, Bernardo Varela, concelleiro de Medio Ambiente e María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.