Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 07/08/2023 | Actualizada ás 22:00
Os eucaliptos son unha especie invasora e destrutora dos montes galegos, cun gran poder de esparexemento das chamas e con facilidade para rebrotar tras os lumes, roubando sitio ao ecosistema atlántico composto por piñeiros e castiñeiros na súa orixe. Hoxe por hoxe, o monte galego xa está composto nun 28 % por eucaliptos, porcentaxe que non deixa de medrar amparada na prórroga do Goberno galego para plantar estas árbores ata 2026.
Son moitos os pequenos propietarios de fincas que se están nestes intres apresurando a desfacerse dos seus piñeiros para reemprazalos por eucaliptos, moito máis rendibles económicamente porque medran máis rápido, antes de que lles quede prohibido a partir do 2026. Así as cousas, non é de estrañar que cando un percorre Galicia por estradas de monte se atope con eucaliptos mirando a un e a outro lado.
E é que Galicia é a rexión española con maior número de parcelas de titularidade privada: tan só un 3 % do monte galego é público. Isto quere dicir que aínda que para tratar de previr a expansión desenfreada desta especie a Xunta quixese meter man no asunto ou realizar limpeza de fincas descoidadas, non podería facelo, como si fai por exemplo nas estradas que son de titularidade autonómica. Polo momento a única forma é ameazar aos propietarios con sancións en caso de non manter as súas terras ben coidadas.
Hai que ter en conta que os eucaliptos son combustible para as chamas, e que non só é que nazan nas plantacións planificadas, senón que moitas veces as súas esporas chegan máis aló, ata fincas que non en poucos casos, están 'a monte', pois ou ben o seu propietario non está interesado en coidalas ou ben non pode facelo (non hai relevo xeracional para coidar de plantacións, con 4.000 aldeas vacías). Chegados a este punto é importante sinalar que hai un 8 % de fincas en Galicia das cales non se coñece o dono sobre o papel.
Tal e como expoñen os xornalistas de El Orden Mundial (EOM) Álvaro Merino e Abel Gil no seu artigo 'A febre do eucalipto: especulación e lume en Galicia', o Goberno de coalición, despois dunha década dos noventa na que o PP chegou mesmo a subvencionar as plantacións de eucalipto, obrigou a limpar as matogueiras e ramallos dos perímetros das casas, e prohibiu plantar pinos e eucaliptos preto dos núcleos urbanos. Con todo, xa era tarde e non se puido frear en gran medida a expansión descontrolada da especie. Pero a pregunta é: por que tiña tanto interese o PP nos eucaliptos? Que gañaba con iso? A resposta ten nome: Ence.
ENCE: PORTAS XIRATORIAS, DELITO ECOLÓXICO E PRÓRROGA DE USO DO SOLO
Ence é a pasteira con maior produción de papel obtido con madeira de eucalipto de Europa (?) e unha das grandes empresas galegas. Por ela soa aporta o 28 % do PIB da provincia de Pontevedra. Ademais, é un bo lugar no que caer unha vez que a política xa non é o teu, senón que llo digan a varios cargos relacionados co medio ambiente da Xunta e do Concello de Pontevedra. As portas xiratorias leváronos aos consellos de administración.
Só así se explica que, a pesares da condena por delito ecolóxico que pesa sobre a fábrica e o case abandono dos terreos públicos da ría de Pontevedra onde está situada, siga aí. A concesión deses terreos remataba no 2018, pero ao goberno en funcións de Mariano Rajoy non lle interesou meterse neste asunto e rematou por prorrogar no ano 2016 esta concesión ata o 2073, nada menos, a pesares tamén dos cheiros e do ruido do que se queixan os veciños e as asociacións ecoloxistas.
Tendo en conta que a día de hoxe, segundo as estadísticas do sindicato Unións Agrarias (UU.AA.) hai en Galicia uns 250.000 donos de eucaliptais (o equivalente ao 9 % da poboación galega), é prácticamente seguro que todos os galegos coñecemos algún amigo ou familiar que ten eucaliptos nas súas fincas e que recibiu a chamada de Ence, interesada en comprarllos para seguir producindo o seu papel.
NAVIGATOR: A AMEAZA LUSA XA ESTÁ AQUÍ, ESCAPANDO DO SEU GOBERNO
Sen embargo, por se fose pouco o interese económico que para un particular pode ter plantar eucaliptos polo prezo polo que llos merca Ence, agora sae outro competidor: Navigator, a maior pasteira de Portugal (se tendes paquetes de folios na casa ou na oficina mirade a marca, moi probablemente sexa esta empresa), que xa conta con preto de 1.000 hectáreas de eucalipto en Galicia. E xa se sabe, nun mercado onde hai máis demanda, máis altos son os prezos: é dicir, máis beneficio pode sacar o particular, neste caso, pola loita de ofertas.
Que fai unha pasteira lusa mercando terreos en Galicia, preguntarédesvos? Pois esquivar a súa dura normativa. En Portugal a grande oleada de lumes do ano 2017 levou ao Executivo luso a decretar unha moratoria de menos plantacións ata o ano 2030. Así as cousas, teñen que buscar ese suministro de materia prima fóra do país, e Galicia é o que lles queda máis preto.
Ademais, a diferencia da industria galega Ence, que envía a pasta de celulosa ao exterior para que sexa transformada en papel, Portugal controla a cadea de produción ao completo e ten unha demanda de madeira máis urxente, debido ao pouco permisivo do seu Goberno. Pola contra, en Galicia, a pesares do desastre ecolóxico e medioambiental dos inmensos lumes que asolaron as nosas terras o pasado ano, non se move un fío.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.