Investimentos para automatizar os servizos de farmacia hospitalarios

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, sacou a licitación por case 2,5 millóns de euros a compra de equipamento de farmacia para ampliar o Programa de Atención Farmacéutica nas Residencias Sociosanitarias de Galicia co obxectivo de dar cobertura ao 70 % das prazas resicenciales para persoas maiores e con discapacidade existentes na actualidade en Galicia e a compra de equipamento para automatización das plantas de hospitalización do Hospital de Conxo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2023 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, sacou a licitación por case 2,5 millóns de euros a compra de equipamento de farmacia para ampliar o Programa de Atención Farmacéutica nas Residencias Sociosanitarias de Galicia co obxectivo de dar cobertura ao 70 % das prazas resicenciais para persoas maiores e con discapacidade existentes na actualidade en Galicia e a compra de equipamento para automatización das plantas de hospitalización do Hospital de Conxo.

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, acompañado da xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez, visitou o servizo de Farmacia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, no Hospital Clínico, aproveitando a publicación da licitación.

Segundo explican nun comunicado, este programa supón un exercicio de coordinación sociosanitaria que permite, a través de convenios coas entidades responsables da xestión destes centros, que os servizos de farmacia dos hospitais galegos fornezan os fármacos das persoas que viven en residencias de maiores ou de discapacidade baixo a supervisión dun profesional farmacéutico que realiza o seguimento farmacéutico individualizado do paciente, "garantindo a homoxeneidade, a equidade e a seguridade da prestación farmacéutica".

Neste momento están adscritos a este programa o 33 % dos centros residenciais, que supoñen o 52 % das prazas existentes e, con esta ampliación, prevese que poida chegar ao 70 % das prazas, engadindo 34 novos centros. Desta forma, equiparase ás sete áreas sanitarias de almacéns e sistemas automatizados de corte e envasado de sólidos en formato unidosis que permitirán establecer un sistema de dispensación de medicación en doses unitarias, que garanta os procesos de preparación e dispensación, e permita a rastrexabilidade de todo o proceso.

En concreto, cun investimento de 919.600 euros, adquiriranse reenvasadoras automáticas para o Hospital Clínico Universitario de Santiago, Hospital Universitario da Coruña, Hospital Arquitecto Marcide, Hospital Lucus Augusti, Hospital Público da Mariña, Hospital Universitario de Ourense, Hospital Meixoeiro e Hospital Montecelo. Igualmente, dedicaranse 707.850 euros á adquisición de almacéns automatizados en carrusel vertical para o Hospital Meixoeiro, Hospital Universitario de Ourense, Hospital Lucus Augusti (2), Hospital Público da Mariña (3), Hospital Arquitecto Marcide e Hospital Universitario da Coruña.

A maiores, o Sergas dotará ao Hospital de Conxo de once unidades automatizadas de dispensación de medicamentos por valor de 798.600 euros. A entrega está prevista en dous meses desde a formalización do contrato. Como complemento, o persoal dos centros con convenio co Sergas dispoñen dunha Guía Farmacoterapéutica e de práctica clínica nos centros sociosanitarios que incorporou no último ano novos contidos para reforzar aspectos de seguridade no manexo dos medicamentos, como precaucións a ter en conta co uso de certos fármacos nos pacientes con insuficiencia renal ou hepática. En total, a guía detalla 272 principios activos.

No ámbito da farmacia hospitalaria, o 40 por cento dos erros prodúcense na prescrición
No ámbito da farmacia hospitalaria, o 40 por cento dos erros prodúcense na prescrición | Fonte: LUG HEALTHCARE TECHNOLOGY - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta