Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2023 | Actualizada ás 15:44
Unións Agrarias demandou á Xunta e ao Ministerio de Agricultura que elaboren "con prema" un protocolo de actuación ante a aparición en explotacións gandeiras da enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE). Nun comunicado emitido este xoves, a organización agraria advertiu da necesidade de dispor de ferramentas de actuación ante esta patoloxía para a que, como lembra, non existe vacina e que se estende polo territorio estatal.
Deste xeito, sinalou que a Xunta debe "actuar con anticipación" para habilitar axudas ás explotacións que poidan verse afectadas por unha enfermidade que xa chegou a zonas limítrofes con Galicia como Asturias e a provincia de Zamora. Por iso, instou á Consellería do Medio Rural a convocar unha reunión na que avaliar a situación e elaborar un plan de acción para que as explotacións teñan á súa disposición "os apoios necesarios para facer fronte á doenza desde o minuto cero".
Tras censurar que dez meses despois da aparición dos primeiros casos aínda non exista un protocolo a nivel estatal, Unións apuntou que os gandeiros afectados deben afrontar "entre 2.00 e 3.000 euros" de gasto ante a aparición da doenza nas súas explotacións. Así as cousas, reclamou á Xunta que actúe "xa" porque a patoloxía está "ás portas" de Galicia e apuntou que a caza de corzos e os animais que transmiten esta enfermidade é, a día de hoxe, "a única medida preventiva" para a enfermidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.