Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2023 | Actualizada ás 18:07
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denunciou na Eurocámara a contaminación na mina de San Finx, que supón "un risco ambiental, económico e social para unha ría como a de Muros e Noia, rica en peixe e marisco". Ana Miranda asegurou que se están incumprindo directivas eurpeas como a Marco da auga, pola contaminación que provoca nos ríos próximos á mina e na ría; a Directiva de Información Ambiental, en tanto que non houbo posibilidade de acceder aos informes de forma transparente; e a Directiva de Tratamento dos Residuos.
Na súa intervención no debate sobre 'Contaminantes nas augas superficiais e subterráneas', Miranda lembrou que existe unha petición aberta na Comisión de Peticións da Eurocámara que denuncia a contaminación provocada polas verteduras desta mina. "A pesar dos requirimentos ao Goberno galego de medidas para facer cumprir a lei e resolver así as irregularidades, a pesar das reclamacións na xustiza e da oposición social e política, o Goberno galego autorizou en febreiro deste ano a descarga de catro millóns de metros cúbicos de augas residuais e efectos contaminantes", explicou.
A consecuencia diso, sostivo que foron detectados niveis moi altos de metais pesados nas augas, "excedendo de longo os niveis máximos permitidos", por exemplo cadmio, cobre e cinc. A europarlamentaria do Bloque puxo en valor o traballo desenvolto pola súa formación nas localidades afectadas así como no Parlamento de Galicia, coa presentación de iniciativas para que o Goberno galego "asuma as súas responsabilidades e finalicen as verteduras".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.