Nova sentenza que rexeita que a Xunta suspenda os contratos de interinos durante as vacacións nas súas gardarías

O TSXG estima a demanda dos sindicatos, igual que fixo en xaneiro, aínda que a Administración alega que xa non estaba a aplicar esta cláusula.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2023 | Actualizada ás 14:38

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) volveu a emitir unha sentenza pola que declara que "non é conforme a dereito" a cláusula dos contratos do persoal interino e substituto das escolas infantís da Xunta que permitía suspender o vínculo laboral durante o peche dos centros por vacacións. Trátase dun fallo emitido o 5 de xullo de 2023, contra o cal a Administración autonómica non presentou recurso e que reitera o contido dunha resolución de xaneiro deste mesmo ano, pero contra o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

Nesta ocasión, o TSXG estimou unha demanda da CIG (á que posteriormente se adheriron os sindicatos UGT, CCOO e CSIF) contra a Axencia Galega de Servizos Sociais, dependente da Consellería de Política Social, porque nos contratos do persoal interino incluíase unha cláusula que dicía que "en calquera caso" este vínculo quedaría suspendido durante o peche da escola infantil.

Durante o transcurso do litixio, as catro xefaturas territoriais da Axencia Galega de Servizos Sociais emitiran senllos informes nos que comunicaban que ou ben deixaran de aplicar a dita cláusula, a pesar de que aínda figuran nos contratos; ou ben xa non a impuñan nos contratos asinados este ano. Neste contexto, a Administración opúxose á demanda alegando que, como xa non se estaba aplicando este parágrafo, había unha "falta de obxecto de litixio".

Con todo, os sindicatos insistían en que, por moito que non se inclúa esta condición nos contratos novos, aínda non se suprimiu dos vixentes, algo que os maxistrados comparten: "Non se dispensa cos devanditos informes (das xefaturas territoriais) garantía nin seguridade xurídica que permita ter por cumprida a obrigación da demandada".

En canto ao fonto do asunto, a sala do TSXG reitera os argumentos da sentenza emitida en xaneiro que consideraba "nula" esta cláusula incluída "de maneira masiva e individual" en todos os contratos, "que non cabe amparar en liberdade de pacto ao afectar a dereito necesario, adhesiva e non consensuada polos traballadores". Ademais, os maxistrados afirmaban naquel fallo que os contratos de interinidade "impide a terminación do contrato sempre que non se produza a reincorporación do traballador sustituído". Por tanto, non se axusta a dereito a suspensión do vínculo co peche das escolas.

CIG ACUSA Á XUNTA DE "ABUSOS"

Tras coñecer esta nova sentenza, a CIG emitiu un comunicado no que celebra que o TSXG acabase "cos abusos da Consellería de Política Social" co persoal interino ou temporal. Esta práctica, censura o sindicato, supuña "castigar" a estes empregados ao "non cotizar, non cobrar e non ter acceso a prestación por desemprego" durante as vacacións.

Así mesmo, a CIG afea á defensa da Xunta que, durante a vista oral, pretendese que a sala dese por terminado o proceso xudicial alegando que xa non se introducía máis esta cláusula. "Con isto, pretendían conseguir dous obxectivos: non ter unha sentenza definitiva en contra e quedar libres para facer o mesmo no futuro", agrega a central nacionalista.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, na gardaría infantil de Santa Susana, en Santiago de Compostela
A conselleira de Política Social, Fabiola García, na gardaría infantil de Santa Susana, en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta