"Excesiva literatura chicle" e autores que só "miran para Madrid"?... queixas do libro galego (Parte III)

Hai autores moi críticos con parte do actual sistema editorial galego. Xavier Alcalá, por exemplo, denuncia a "patética e sobredimensionada novela negra" ou a algúns novos autores "que non coñecen o galego". Marilar Aleixandre e Fran Alonso, pola contra, cren que é unha riqueza que haxa autores novos e Antón Vidal apunta á redución do mercado en galego. Pero todos teñen un responsable da actual situación; a falta de axudas institucionais ao idioma e ao libro en galego.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 27/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"En Galicia hai excesiva literatura chicle. Estase producindo un fenómeno ruín no mundo literario con escritoras, principalmente, que teñen un grande éxito, sobre todo no mundo infantil e xuvenill, pero coa vista posta en Madrid. E, mentres, a maioría dos escritores galegos non teñen a vista posta na lusofonía ". Quen así se expresa é o escritor, enxeñeiro en telecomunicacións de profesión, Xavier Alcalá que ten case 20 novelas escritas e case 40 relatos breves, narracións de viaxes, ensaios, traducións ou guías de viaxe. 

Biblioteca da USC a contraluz - Santi Alvite, USC
Biblioteca da USC a contraluz - Santi Alvite, USC

 

Unha opinión contundente sobre o panorama actual da literatura galega que non comparten outros autores. "Cando ven que algo se vende moito en Madrid xa hai reflexo diso en Galicia. Con iso, estase producindo unha gran infantilización da produción literaria galega porque todos queren escribir libros de fácil lectura", asegura quen actualmente é conselleiro na editorial Galaxia. Unha crítica que fai extensiva, principalmente, aos novos e novas autoras. "Estanse publicando libros por escritores que non coñecen o galego porque non o adquiron por ósmose, non pararon a estudalo ou non teñen ningún coñecemento do portugués. E hai quen lle está publicando a esta xente libros en galego con grandes sospeitas de ser traducións directas do español", denuncia. 

 

Alcalá, que parece non ter pelos na lingua, é moi crítico co actual panorama literario galego. En declaracións a Galicia Confidencial, tamén denuncia o que considera unha efervescencia da "patética e sobredimensionada novela negra".  "Para escribir algo bo e coherente hai que estudalo moi ben e ter moito contacto con xuíces e policías,  pero o que se dá aquí é unha especie de sublituratura", denuncia. Un "perigo" do que tamén responsabiliza, en parte, a certas editoras por tentar publicar o que se vai a vender ben e "non a promocionar o que ten verdadeiro peso literario".

Educadores e bibliotecas traballan a selección de lecturas recomendadas para os máis pequenos. FEDERACIÓN LIBRARÍAS GALICIA
Educadores e bibliotecas traballan a selección de lecturas recomendadas para os máis pequenos. FEDERACIÓN LIBRARÍAS GALICIA

 

"HAI XENTE NOVA CON MOITO TALENTO"

 

Non opina do mesmo xeito Marilar Aleixandre para quen é "estupendo" que haxa escritores e escritoras novas e que haxa novos proxectos editoriais. "Nunca me parece que haxa moitos libros. É un síntoma de vitalidade dun sistema cultural cando hai xente nova escribindo.  Eu estiven na residencia do Gaiás e hai moita xente nova con moito talento", asegura. Tamén salienta novos proxectos editoriais como os das editoriais Hugin e Munín ou Rodolfo e Priscila. "Son proxectos novos, frescos, coidados... non me importaría editar con eles", indica.

 

Tampouco Fran Alonso, director xeral de Xerais, cre que o problema sexa un "sobredimensionamento" do mundo editorial galego, ou que haxa moitos novos autores. "Cantos máis haxa, mellor para o sector. A literatura galega está demostrando a súa calidade nos últimos anos", asegura en declaracións a Galicia Confidencial. De feito, lembra que dez das últimas 20 edicións do Premio Lazarillo, foron para obras en galego. Tamén este mércores coñecíase que a poeta Yolanda Castaño recibía o Premio Nacional de Poesía 2023

 

Pola súa banda, o presidente de Galaxia, Antón Vidal, que estivo na picota nas últimas semanas tras ser acusado polo xa ex director xeral desta editoral, Fran Castro, de non apoialo tras a súa polémica con Alberto Ramos, considera que os problemas e as leas internas dentro do sector "van en contra da lingua e da cultura" do país. En declaracións recentes a Galicia Confidencial, Vidal cre que tamén se reduce o mercado na nosa lingua. "É o de sempre, non nos chega cos problemas que temos co galego que andamos con isto. Eu teño moitos anos e pasa o de sempre. E o problema do libro en galego pois é que se reduce o mercado", asegura.

 

Algo co que coincide Fran Alonso que recoñece que, quizás, o problema sexa que non hai unha gran masa lectora en galego. "E nisto fai falla unha acción constante que favoreza a lectura en lingua galega. Igual que é importante o estado da lingua. É un tema complexo", indica.

 

MAIOR PRESENZA NAS NOVAS PLATAFORMAS

 

Outra das eivas que apunta Alcalá, con gran coñecemento das novas tecnoloxías, é que non haxa unha maior apertura do mundo editorial galego cara as novas tendencias tecnolóxicas. "Hai un grave problema nas editoriais galegas que non dan collido o ritmo do fenómeno que se observa a nivel mundial que é o paso á literatura telemática, é dicir, aos textos dixitalizados ou a novos fenómenos como o do audiolibro", indica.

 

E, aínda recoñecendo as dificultades económicas que isto supón destaca que, agora, coa intelixencia artificial este traballo é moito máis doado. "É moi caro cando é narrado por persoas, pero é moi sinxelo cando é narrado con robots. Estamos moi próximos á radionovela ou a radioteatro. Por fortuna o proxecto Nós xa permitie a lectura por voz. E por iso hai que introducirse nesta realidade que os editores semella que non ven", asegura.

 

"Se temos galego na rede pois haberá máis posibilidades de que se lea en galego e se son produtos de alto nivel, moito mellor. Non se pode dicir que no corpus literario galego non haxa textos de categoría universal. E iso é o problema que ten o sistema editorial galego que ten un descoido dos clásicos que non se promocionan", di. E pon como exemplo á literatura española. "Poño por exemplo o caso de Miguel Delibes, cuxos libros se poden comprar moi baratos e son moi reeditados e hai quen os promociona. Aquí ninguén promociona A Esmorga, por exemplo, de Blanco Amor. Só hai unha carreira por ver quen publica a última novidade", critica.

 

FALTA DE AXUDAS

 

Xavier Alcalá tamén pon un responsable a este "desleixo", o Partido Popular, que leva gobernando en Galicia 37 anos, agás os catro do bipartito, 13 deles con Alberto Núñez Feijóo como presidente. "As editoraiais galegas téñense que poñer ao día porque aquí hai un problema de fondo polo absoluto desleixo por parte do PP para acabar co galego... unha lingua que se está convertendo en cerimonial".

 

Tamén Marilar Aleixandre considera un "escándalo" a falta de axudas institucionais ao libro en galego. "En Cataluña ou Euskadi hai un un forte apoio á literatura e cultura no idioma propio que aquí non se dá e  hai moita xente que vive diso porque hai unha rede que o fai posible. E aquí hai moi pouca xente que poida facelo", indica. Ao mesmo tempo, a autora tamén critica as escasas axudas que existen á tradución. "É normal que haxa protestas. Non hai un apoio serio como debería", apunta. 

 

Nos mesmos termos se pronuncia o editor Fran Alonso que di que non hai axudas á produción literaria ou a tradución en galego e que, só agora, foi que se convocaron axudas á creación en residencias literarias. As axudas á edición "son as que hai todos os anos e son moi discretas" para un sector pequeno como é o galego. 

 

LIBRARÍAS

 

En todo caso, é consciente de que un sistema editorial debería subsistir coas mínimas axudas posibles, pero tamén recoñece que o sector do libro en galego "é moi feble".  "Hai que ter en conta que estados como o francés ten axudas potentisimas e moitas van tamén ás librarías. Por que aquí non se axuda ás librarías para que promocionen o libro en galego?, pregúntase.

 

Tamén demanda a creación do Instituto Rosalía de Castro, que xa se recolle na Lei do Libro, para a internacionalización da literatura galega. "Ese é un ámbito no que estamos pelexando constantemente e hai editores que estamos indo sós ás feiras e precisamos política activa por parte da Xunta", indica. "Agora xa non imos a ver tendencias ás feiras como antes, senón que xa imos vender o noso e iso hai que telo en conta", engade.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Todos pían por recibir axudas públicas... agás algún espabilado como Manolo Rivas que dende o minuto un publicou tódalas súas obras en bilingüe (dúas edicións unha en galego e outra en castelán, as traducións a outras linguas viñeron máis tarde) Así mentras algún braman contra o "bilingüismo" os próceres das letras matrias fan caixa en castelán ! Situación ben distinta é a de Ferrín que nunca quixo facer traducións e así lle foi... ¿Qué é a literatura galega senon un pesebre para iniciados? Sintoo pero os tempos do bipartito fixeron abrir os ollos a inmensa maioría... senon que llo digan ao Che...!