Allariz pon en valor o oficio do coiro nunhas xornadas

Entre os días 29 de setembro e 1 de outubro desenvolverase na vila do Arnoia a X edición das “Xornadas sobre os Oficios do Coiro”. Un encontro que reúne a profesionais, afeccionados e estudantes, e que fai posible xuntar diferentes disciplinas dos oficios relacionados con este material.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 28/09/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

As X Xornadas sobre os Oficios do Coiro levarán a diferentes espazos da vila de Allariz diversas actividades: talleres, demostracións, exposicións e charlas. Ademais, na sala “A Fábrica” o 29 e o 30 do setembro terán lugar dous cursos profesionais.

Presentación das xornadas sobre o coiro en Allariz (2023). Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Presentación das xornadas sobre o coiro en Allariz (2023). Foto: Comunicación Concello de Allariz.

En relación a esta formación especializada, Isaac Romero (Moaña, pontevedra) ensinará a montaxe dun “cabujón” a base de trenzados e Nelson Gómez Callejas (Pontevedra) impartirá un curso de gravado sobre coiro con ferros de linóleo. Tamén  eses días e o 1 de outubro levaranse a cabo obradoiros abertos para todos os rexistrados nas xornadas como craquelado cromático sobre coiro, preparación de tiras para trenzados, construción de pequena ferramenta ou a técnica de papel de augas aplicada ao coiro. Todos eles impartidos por diferentes profesionais do sector.

CHARLAS E EXPOSICIÓNS

Jesús Queijo e José Manuel García, curtidores na fábrica de curtidos Sofán (Carballo, A Coruña) explicarán os diferentes procesos que ten unha pel ata converterse en coiro; Franklin Pereira fará unha presentación sobre a vangarda no traballo do coiro en países como Estonia e Letonia; e a restauradora Sonia Seco falará sobre a conservación do coiro como patrimonio cultural.

Na sala “A Paneira” instalarase a exposición “Cuncas, guadameciles e criaturas da natureza” una mistura das obras de Fernando Mtnez. Sousa y Nelson Gómez Callejas.

No “Museo do coiro” alumnos e ex-alumnos da escola de artes e oficios de Vigo (Emao) expoñerán os seus mellores traballos.

UNHA EXPOSICIÓN COA IMPLICACIÓN DO COMERCIO LOCAL

Como novidade, este ano haberá unha intervención colectiva nos escaparates de Allariz. Trátase dunha exposición onde diferentes artesáns-artistas do coiro poidan mostrar as súas pezas nos locais comerciais de Allariz. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta