Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/10/2023 | Actualizada ás 21:55
O alcol é unha droga, aínda que sexa legal, que causa centos de mortes ao ano e que, desgraciadamente, é tan común na sociedade que cando un se dá conta de que é alcohólico moitas veces xa é tarde para pórlle remedio. Saír da adicción é unha loita continua contra un mesmo, tal e como nos explican dende Alcohólicos Anónimos, unha asociación sen ánimo de lucro que reúne en 24 áreas ao longo de toda España a persoas que queren deixar a súa adicción ao alcol e que, compartindo as súas historias con outras, atópanse identificadas e reforzadas para saír adiante.
Na actualidade estímase que o 18,8 % da poboación galega consume alcol a diario, o que quere dicir que 470.000 galegos e galegas consumen aínda que sexa unha cerveciña ao día. Ademais, o 3,4 % (85.000 persoas) admiten ter un consumo problemático. A prevalencia do consumo diario-ocasional e esporádico é máis alta nas idades medias (45-64 anos), e máis intensivo e problemático entre os 16 e os 24 anos. De feito, hoxe por hoxe a idade media de inicio do consumo de alcol en Galicia xa baixou aos 13,4 anos. E entre os 12 e os 18 anos, aínda sendo menores de idade, máis da metade de mozos e mozas (o 58,7 %) xa o probaron. Son datos dun estudo realizado por especialistas da USC e da UVigo.
Por outra banda, as doenzas vinculadas ao alcol provocan en Galicia 2.086 mortes nun ano, segundo os datos publicados polo Ministerio de Sanidade (2019, antes da pandemia). É un problema que vai en aumento e, de feito, foi a cifra máis elevada dentro dos sete anos anteriores. Ademais, en Galicia o problema é aínda maior que no resto de España, pois a nosa terra ten a maior taxa de mortalidade a nivel nacional por enfermidades derivadas da inxesta de bebidas alcohólicas. Segundo os datos de Sanidade, a taxa de defuncións por doenzas relacionadas co alcol en Galicia sitúase en 43,1 casos por cada 100.000 habitantes, case nove puntos por riba da media nacional (34,6).
Dende Alcohólicos Anónimos explican que "nós entendemos que o alcol non é o problema, o alcol é un síntoma, o problema verdadeiro é a nosa enfermidade emocional, que pasa pola baixa autoestima e por un grande ego, e o ego xuntado coa baixa autoestima derivan nun terremoto emocional que nos distorsiona todas as emocións e os sentidos", facéndonos máis vulnerables. "Para controlalo, o analxésico a todo é o alcol", indican dende a asociación, que puntualizan que tamén pode haber persoas que caian noutras drogas, aínda que a máis común a día de hoxe segue a ser o alcol. Para saír dese bucle insán é preciso ter moita forza de vontade, en primeiro lugar, para recoñecer que se ten un problema e, en segundo lugar, para ter a coraxe de procurar axuda.
"En Galicia atopámonos cun grave problema: o estigma que provoca o alcoholismo, que é brutal, e fai que as persoas non queiran recoñecer que teñen un problema, por vergonza", explican dende Alcohólicos Anónimos, que tendo en funcionamento 24 grupos ao longo de todo España, atópanse cunha maior resistencia en Galicia. "Abrimos un grupo en Arzúa e dende o primeiro día dende o Concello xa nos avisaron de que non ía ir ninguén", exemplifican. Na asociación saben que hai tres sitios claros que están cheos de alcohólicos: as cárceres, os hospitais psiquiátricos e os cemiterios. Nestes últimos xa non poden actuar, pero nos outros si, e de feito fano, pois actúan nas tres cárceres da provincia de Ourense, tendo pendiente Teixeiro, na Coruña.
"Cando os enfermos chegan a nós fano porque xa tocaron algún dos tres paus: ou ben porque tiveron problemas coa policía, algunha internación nun centro ou porque xa padecen problemas físicos, médicos, ou foron a algunha consulta psiquiátrica por padecer ansiedade ou depresión", explica a asociación, que lamenta que "aínda que noutros países hai máis camiño andado, aquí costa moito, estando o promedio de idade das persoas participantes nas reunións nos 55 anos". "É moi difícil que un mozo chegue a Alcohólicos Anónimos a pesares de que vamos a colexios a dar charlas, porque eles non o vén como algo tan grave, e son quenes máis nos necesitan para actuar canto antes", advirten.
MARCOS: "NON VÍA ESA COPIÑA QUE TOMO NA TERRAZA AO SOL UN PROBLEMA"
Un dos seus membros, Marcos, conta a súa historia. "Eu tardei moitísimo en recoñecer que tiña un problema co alcol", confesa. No seu caso, non só consumía alcol, senón tamén outras drogas, pero "dábame conta de que as outras me prexudicaban, porque os porros, por exemplo, emparanoian, derivan en depresión, dan baixóns...". Pero co alcol non lle pasaba isto. Como moitas persoas na sociedade actual, "non podía ver esa copiña (encántannos os diminutivos, parece que o feito é menos grave) que me tomo na terraciña ao sol como un problema". Foi co paso do tempo cando se deu conta de que lle estaba prexudicando a vida.
O alcol, na súa experiencia, "faime unha transformación moi lenta, sutil, desconcertante e poderosa". "Provoca un cambio lento que apenas son quen de percibir", afirma. Neste proceso, "penso que son os meus amigos os que teñen a culpa, que a miña muller é unha cabrona, que o meu xefe é mala xente, que os meus achegados están en contra miña... Toda a sociedade está en contra miña". A Marcos costoulle moito tempo comprender que "son eu o que fai que isto sexa así, porque ao tomar alcol, este cámbiame mental e emocionalmente".
Unha vez que comprendeu que o problema estaba no alcol, aínda sabéndoo, non lle foi sinxelo controlarse. "Non quería consumir, pero inevitablemente dicía: por unha cerveciña non pasa nada... Pero bebía e todo cambiaba, os cartos non me parecían cartos, poñíame todo eufórico, todas as responsabilidades que tiña deixábaas para mañán, por iso sempre digo que 'eu son o home do mañán', sempre debuxando castelos no aire". Toda esta situación, recoñece, "causaba en min un sufrimento, porque pouco a pouco estaba a destruír todo o meu entorno".
Marcos foi quen de deixar de tomar alcol durante dous anos, pero tivo unha recaída, porque é o que adoita suceder nestes casos. O alcol está tan instaurado na sociedade que para un alcohólico é moi difícil ver a saída, pois vaia a onde vaia hai xente tomando as súas copiñas, botellas de alcol ao alcance da man e persoas que o invitan a tomarse unha, porque, segundo din todos, por unha non pasa nada. Afortunadamente, puido volver saír da adicción e hoxe xa non consume, pero foron oito longos anos de loita. "Eu non tocaba o enchufe, metía o dedo, porque xa me sentía forte, parecíame que o tiña todo baixo control", explica.
A día de hoxe, o seu obxectivo é cambiar como persoa. "Intento non ser o de antes, facer unha vida nova, non só non consumir, porque se só me quedo con iso e trato ás mulleres coma antes, soulle infiel, míntolle, manipúloas... non vale de nada", laméntase. É consciente de que "o alcol amplifica os meus defectos, pero sei que sen consumir tamén están aí, así que se son capaz de mellorar lograrei unha calidade de vida que antes non tiña". "Intento ser mellor, non perfecto", conclúe Marcos.
"O QUE HAI QUE FACER É NON CONSUMIR A PRIMEIRA"
Dentro da peregrinación do Camiño de Santiago cos seus compañeiros de Alcohólicos Anónimos, sentiuse moi enriquecido, pois "foi para min un paso máis nesa transformación cara saber estar coas persoas, intentar compracelas, comprendelas, ter empatía e tolerancia". Con todo, é consciente de que "isto non quere dicir que mañán non volvan saltar eses ataques, pero quédome con que foi mellor que outras veces". E é que a industria segue presionando para que os consumidores recaian. De feito, bromea con que a fábrica que ten Estrella Galicia na Coruña ten un gran círculo dando voltas todo o día: "Parece o ollo de Sauron, de El Señor de los Anillos, pero na procura de alcohólicos".
A día de hoxe, tras pasar por unha experiencia tan dura co alcol, lanza unha mensaxe a aquela xente que se atopa en problemas coa bebida: "Co consumo non hai recuperación". Pois advirte que esa "tolería de deixar bebendo non funciona", pois o que hai que facer é "non consumir a primeira, directamente, non só de alcol, senón de calquera substancia". No seu caso recoñece que "enseguida me engancha calquera substancia que me activa algo". Tanto é así que no proceso de deixalo intentou substituír o alcol co café, "tomábame tres ou catro tazas por iso de ter o puntiño, ata que me din conta".
"Debemos darnos conta de que o alcol é unha droga dura, moi mortal e progresiva, e unha enfermidade que non entendemos, debemos intentar transmitir esa mensaxe, porque moita xente só se queda con que os alcohólicos somos uns viciosos que non sabemos beber, pero está moi equivocada, porque é a industria a que nos asocia unha serie de valores ao consumo que non existen: os anuncios de cervexa rezan 'liberdade' e esa é unha tonteria, ao igual que o de dicir que che axuda a socializar, a gozar da festa... Todas estas mensaxes son as que nos levan a recaer", conclúe, advertindo que aínda que agora só se poidan anunciar cervexas 'sen alcol', "os alcohólicos vemos a cervexa r para nós é con alcol, e así vamos a pedila". "Non son conscientes do que están facendo relacionando o alcol cuns valores que non ten", advirte Marcos.
ELVIRO: "É UNHA OBSESIÓN MENTAL, O TEU CORPO ENTRA EN CONVULSIÓN"
Outro dos casos que nos contan a súa historia é o de Elviro, cuxo pai tamén era alcohólico, algo que influiu moito na súa infancia, pois veu como o seu pai morría só. "Eu nunca souben quen era, non tiña claro como era e sempre estaba dándolle voltas á cabeza con esa sombra familiar e todo o que pasara con meu pai", conta. Con esta mochila marchou coa súa parella para A Rioxa, por traballo. Tiña un bo soldo, parella... Suponse que o tiña todo para ser feliz. Pero, con 20 anos, cando bebía, a súa cabeza dicíalle cousas como: "Non che vai funcionar". Consumía alcol porque notaba que "me quitaba un pouco a timidez", sendo unha persoa tímida, e comezaba a saír coa xente do traballo nunha zona de bares.
Así foi collendo as súas primeiras borracheiras, e empezando a ter problemas coa súa parella. "E pronto se produciu o cambio: empezo a faltar ao traballo porque bebera a noite anterior, a pelexar coa miña parella, a padecer angustia e ansiedade...". Foi dos 22 aos 30 anos cando caeu nunha forte crise onde el se atopaba mal e vía que podía perder todo o que tiña na vida. Para buscar un remedio, acudiu ao seu médico de cabeceira, que "recetoume tranquilizantes, diazepam, e actuaba de xeito parecido ao alcol, quitábame a ansiedade e a angustia, así que aí estaba a miña solución". Tras substituír o alcol polos tranquilizantes, "empezouse a enderezar todo". Pero, como di, "non deixei de consumir, só deixei de beber alcol para beber tranquilizantes".
Tras ter ao seu fillo, ve que hai un problema: "Deixei o alcol porque me ía matar, pero non podía deixar os tranquilizantes". De tal xeito que, cando o seu fillo tiña 10 anos, a empresa na que traballa comeza a ir mal e Elviro volve á bebida. A súa parella pídelle a separación e el dase de conta de que "son moi dependente, o meu mundo estaba cheo de medos, medo de facer dano ás persoas que máis quero, medo a fracasar...". Comeza a tocar fondo e vaise da Rioxa nunha situación desesperada: "Bebía e ademais tomaba tranquilizantes". Anos máis tarde chega a Alcohólicos Anónimos e coñecendo a moitas persoas e esforzándose consegue deixar de beber e de tomar tranquilizantes, e "é a primeira vez na miña vida que estou limpo de todo".
Sen substancias no corpo, asegura que comeza a entender esta enfermidade que é o alcoholismo: "É unha obsesión mental, o teu corpo cando bebes alcol entra en convulsión, son unha persoa coma meu pai diferente doutra persoa, hai persoas que beben e non lles pasa nada, pero hai outras que rematan con adicción", e isto é imposible de saber ata que xa se está enganchado e é demasiado tarde. "A día de hoxe non querro morrer, sigo en recuperación e estou máis enfermo do que moitas veces penso", asegura Elviro. De feito, cre que ten pendente certas cousas aínda, como perdille perdón á súa ex parella polo sufrimento que lle causou, pois considera que ela era unha boa persoa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.