Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2023 | Actualizada ás 14:49
Case a metade das queixas tramitadas pola Mesa pola Normalización Lingüística en 2022 foron por vulnerar o dereito ao uso do galego, segundo expuxeron os seus responsables na presentación do informe anual de 'Liña do Galego'. Foi nunha comparecencia con presenza do presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira; a responsable do estudo, Sara Seco e a deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soidade Agra.
De acordo co citado informe, en 2022 a entidade tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app 'Liña do Galego' un total de 1.048 expedientes, dos que 43 foron tramitados como felicitacións, 536 como consultas e 469 como queixas. Destas queixas, o 22 % están relacionadas coa deturpación da toponimia, o 20 % coa rotulación e sinalización, o 17 % coa imposibilidade de uso do galego na atención oral e escritura, o 21 % nos servizos en liña e o 20 % por outras discriminacións (20 %).
Segundo se apuntou, o volume de queixas e felicitacións foi similar ao do ano anterior, pero nas consultas produciuse un aumento significativo, pasando de 55 no 2021 a 536 en 2022. Na presentación do informe, Marcos Maceira lembrou que o servizo que presta A Mesa, de forma gratuíta é o único que hai en Galicia e incidiu en que só conta con apoio da Deputación coruñesa.
PRINCIPAIS CONSULTAS
A responsable do informe, Sara Seco, explicou que as consultas recibidas por 'Liña do Galego' teñen a ver con situacións onde, inicialmente, négase a persoas usuarias de servizos a posibilidade de usar e recibir atención en galego. "Unha anomalía nun país no que teoricamente a súa lingua propia é oficial, pero que contrasta coas posibilidades reais de uso", asegurou Maceira.
Ademais, dixo que se observa un "aumento da consciencia lingüística" e da necesidade das administracións públicas e empresas de asumir compromisos claros coa lingua. No caso das entidades públicas, concretamente as autonómicas, asúmese, engadiu, que teñen "un deber maior" no uso da lingua "que non cumpren", afirmou con alusión concreta ao Sergas.
Respecto ás empresas, Sara Seco destacou como os casos máis "preocupantes", aqueles onde "se atreven, amparados na impunidade, a recriminar á súa clientela o uso da lingua galega, instándoa a usar o castelán para completar os servizos solicitados". "A chantaxe lingüística para forzar ás usuarias e usuarios de servizos está á orde do día", apuntou o responsable da Mesa.
Pola súa banda, a deputada provincial apelou a traballar pola igualdade de dereitos lingüísticos e para pór fin "aos prexuízos, tópicos e actitudes negativas que aínda hoxe afectan ao uso da nosa lingua". Tamén resaltou o deber das entidades públicas á hora de "garantir que calquera persoa que así o desexe poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.