Fin da vendima con 1,5 millóns de quilos máis de uva na D.O. Valdeorras

En opinión de José Ramón Rodríguez Castellanos, presidente da D.O., os datos amosan que o territorio amparado “segue a medrar” e que “o interese polo godello aséntase como un dos piares do fortalecemento de Valdeorras”.

Por Galicia Confidencial | Vilamartín de Valdeorras | 12/10/2023 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

A vendima 2023 en Valdeorras chegou ao seu fin e fíxoo tras ter rematado os traballos de recollida da uva en Bodegas Viña Somoza. Os resultados tanto en “cantidade como en calidade” son “magníficos” en palabras do Presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, quen xustificaba o anterior tras informar que chegaron ás adegas valdeorresas preto de oito millóns de uva de diferentes variedades amparadas.

Final da vendima 2023 en Valdeorras. Foto: Comunicación CRDO Valdeorras.
Final da vendima 2023 en Valdeorras. Foto: Comunicación CRDO Valdeorras.

A devandita cifra supera en 1,5 millóns á do ano 2022 e, novamente, a uva máis abundante no territorio amparado foi a godello (5,7 millóns recollidos fronte aos 4,3 do ano pasado). Tras dela, sitúase a mencía con 1,4 millóns de quilos de uva producidos en Valdeorras e, a continuación, aparecen outras variedades minoritarias.

En relación ao resto de variedades, detallar que de Alicante recolléronse 405.023 quilos; da variedade Jerez, 218.241 quilos; de sousón, 26.512 quilos; de albarello, 24.212 quilos; de tempranillo, 16.244 quilos; de merenzao, 12.329 quilos e de dona branca, 3.088 quilos. Tamén se vendimaron 3.701 da variedade caíño e 920 quilos de mouratón.

VALDEORRAS SEGUE MEDRANDO

En opinión de José Ramón Rodríguez, máximo responsable da D.O., os datos amosan que o territorio amparado “segue a medrar” e que “o interese polo godello aséntase como un dos piares do fortalecemento de Valdeorras”.

Para o presidente do Consello Regulador, o incremento no número de quilos vendimados evidencia “o bo traballo que están a facer todos aqueles que realizan a súa actividade no eido vitivinícola na comarca”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta