A Xunta rebaixa ao 3% as camas mínimas para coidados de enfermaría en vivendas colaborativas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2023 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

A Consellería de Política Social e Xuventude lanzou unha orde que rebaixa do 5% ao 3% as prazas mínimas esixidas para os coidados de enfermaría en vivendas colaborativas, unha modalidade de centros residenciais para maiores.

Así figura nun texto publicado este mércores polo Diario Oficial de Galicia (DOG), recollido por Europa Press, e que supón adaptar estas vivendas a unhas condicións que xa foron flexibilizadas para as residencias da terceira idade ordinarias en xaneiro do ano 2021.

A orde, asinada pola conselleira de Política Social, Fabiola García, cambia a normativa anterior cos requisitos específicos das vivendas colaborativas e establece, dentro das zonas de uso común, que as habitacións para a atención a residentes que, polo seu grao de dependencia, requiran coidados de Enfermaría deben reservar un 3% do total das prazas para a súa atención diúrna ou nocturna. Antes, o mínimo era do 5%.

Esta mesma rebaixa do mínimo de camas de Enfermaría, entre outras flexibilizacións, acometeuse nas residencias nunha orde publicada xa o 12 de xaneiro de 2021, hai case dous anos, que tiña o obxectivo de "adaptar os requisitos específicos" dos centros "á actualida normativa e á realidade dos mesmos".

As vivendas colaborativas son un tipo de centros de atención a maiores que ofrecen unha maior autonomía aos usuarios. Están limitadas a un máximo de 150 persoas que, con carácter xeral, deben ter polo menos 55 anos. Dentro das súas zonas comúns --que inclúen recepción e salas para realizar actividades, entre outras-- a normativa autonómica esixe ter habitacións para a atención de dependentes.

Un home pasea na residencia de maiores Coviastec, en Silleda (Pontevedra)
Un home pasea na residencia de maiores Coviastec, en Silleda (Pontevedra) | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta