Antón Reixa: "A min non me deixaron rodar O lapis do Carpinteiro en galego"

Un repaso pola súa traxectoria, pola situación do cine, no que destaca a figura de Luis Zahera, e polos seus gustos musicais, Grande Amore e Guadi Galego.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 13/11/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Antón Reixa defínese nunha palabra como un “artista” e o seu nome está vencellado á creación audiovisual galega como un dos principais expoñentes nas últimas décadas. Guionista, músico, poeta, director de televisión e de cine… Son moitas as súas facetas e síntese afortunado por “ser artista e desenvolver un traballo extenso e en diferentes áreas”. 

Antón Reixa
Antón Reixa

 

O Galicia Confidencial tivo a oportunidade de compartir un café con Antón na Facultade de Ciencias de Comunicación onde impartiu ata tres seminarios ás novas xeracións de comunicadores. Que tal lle foi? “Leveime unha moi boa experiencia e o mellor foi a xente que acudiu porque estou seguro de que sairá unha camada de profesionais audiovisuais moitísimo máis preparados e mellores do que fomos nos”. Reixa xa tivo contacto cos máis novos cando foi mestre de secundaria de Lingua e Literatura galega e estes seminarios foron “volver a ese territorio durante 3 días”. O artista expresa que aprendeu moito e que nunca tivo ese “pensamento habitual das xeracións maduras de pensar que os tempos pasados foron mellores".

Son moitas as vertentes artísticas nas que un pensa cando se lles menciona o nome de Antón Reixa, pero con cal se quedaría el? A resposta: “O que considero máis persoal e íntimo digamos que é a creación poética”. Porén, comenta que non é a especialización pola que máis se lle coñece porque o seu traballo poético é o que tivo e ten menos difusión. 

O artista estivo en coma inducido 18 días e sobre accidente ten unha reflexión que compartir. “Logo diso gañei en calidade de vida a consecuencia das secuelas que me levaron a cerrar a miña produtora audiovisual e o meu traballo de empresario, o que supuxo un gran dano no meu patrimonio persoal”, cóntanos, pero pese a iso nestes últimos sete anos sinte que conseguiu dedicar o “100% do tempo ao traballo creativo”.

DOUS EXEMPLOS DE PROMOCIÓN NO CINE GALEGO: ‘O CORNO’ E ‘SALTA’ 

“Creo que o marketing, a difusión, é moi importante en Europa e sobre todo nunha cinematografía nacente como a galega”, Reixa ten claro que a tendencia europea xa semilla máis á estadounidense e as producións  cada vez destinan máis do seu orzamento á difusión. “Éncheme de orgullo que O Corno tivera unha campaña de carteleira exterior tan intensa, título en galego, feita en Galicia…”. Tamén tivo palabras de honra para ‘Salta’ de Olga Osorio na que botou en falta máis difusión: “A película é moi boa e afortunadamente, por iso mesmo, funcionou o boca a boca positivo”.

O artista pensa que esta promoción é positiva sempre e cando non “se pervirtan as mensaxes ou se deforme o contido da película”. Foi autor dun filme moi coñecido, ‘O lapis do carpinteiro’ que el mesmo dirixiu e na que tivo moitos problemas coa distribuidora Warner. “Querían vestir o filme como unha simple historia de amor nunha promoción que tiña como tabú a expresión Guerra civil”, conta Reixa que se sentiu lonxe da distribuidora e que notaba como querían fuxir de promocionar “o rescate da memoria histórica de Galicia que é o que representaba unha película baseada na novela orixinal de Manuel Rivas”. Isto é un exemplo de promoción mal orientada.

Sobre o éxito do emprego de linguas minoritarias, como o galego, no cinema actual apunta que é “case unha vinganza” tendo en conta que a el non lle deixaron empregalo. Manifesta claramente o seu desexo de ter feito ‘O lapis do Carpinteiro’ no idioma orixinal do libro e do propio guión, pero naquel entón non lle deixaron pese a súa vontade porque “o 70% do financiamento do filme era de fóra de Galicia, así que era iso ou non facela”. Por sorte as cousas cambiaron e agora di “hai moitísimas películas que teñen como idioma orixinal o galego” e pensa que é moi positivo que a xente cada vez demande máis ir ao cinema a escoitar idiomas diversos. “O esquema de rodar en castelán e logo dobrar ao galego é perverso porque os cinéfilos queren ver a versión orixinal”, afirma e engade que “ese debe ser tamén o idioma principal de distribución”.

O CANTANTE DOS RESENTIDOS ESCOITA GRANDE AMORE E GUADI GALEGO

 

A mítica canción de ‘Galicia canival’ que aínda segue presente nos veráns galegos con iso de ‘fai un sol de carallo’ pois é do grupo Os Resentidos de Antón Reixa. “Nos 80 aparece e naquel momento eramos o único grupo de rock en galego” e agora recoñece que hai unha “oferta de música de rock no noso idioma apaixonante”. E que escoita Antón Reixa? Pois recoñece que lle fascinan artistas como Grande Amore ou Guadi Galego e que como usuario de música en galego está nun momento onde “hai que ir pouco a pouco porque é moita”. Réndese en eloxios para o panorama actual dicindo que a música é boa, orixinal e singular.

 

REIXA PRESENTE NOS INICIOS DO SEU AMIGO ZAHERA

 

Seguimos falando de cousas que fixo Antón Reixa, que tamén destacou na produción audiovisual en televisión co sonado éxito de Mareas Vivas, que el mesmo dirixiu e no que Luís Zahera se fixo coñecido co papel de Petróleo, pero non foi onde coincidiron actor e director por primeira vez. “Fixen e dirixín un programa concurso para a TVG que se chamaba Familia mudanza” cóntanos e sobre o mesmo di que non tivo moi boa acollida porque era “un disparate que consistía en darlle cartos a unha familia capaz de baleirar todo o mobiliario da casa en menos dunha hora”. Escápaselle unha risa recordando a personaxe de Luis Zahera que describiu como “fontaneiro asasino” e afirma que este foi “un dos primeiros papeis que lle deron a Luis na televisión”.

 

Actualmente Reixa sinte moito orgullo do éxito de Zahera, o seu amigo e que formou parte das dúas películas que dirixiu. “É bo cando coincide o éxito coa boa xente e Luis é un caso deses”. Antes de rematar Antón deunos á exclusiva de puido ter coincidido con Zahera na gran pantalla e non como director, pero onde? A resposta neste xogo que lle propuxemos!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Tony

Canto mellor sería que Antón o dixera daquela

1 S. Miranda.

Vaia drama! A min non me deixaban entrar nas discotecas de ricos. Enténdoche, Antón.