Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2023 | Actualizada ás 15:14
Santiago e A Coruña son as dúas grandes cidades en que máis creceu o número de afiliados á Seguridade Social nos últimos 12 meses (de setembro de 2022 a setembro de 2023), con incrementos do 3,7 % e do 3,5 %, respectivamente. Así o recolle o informe de 'Afiliacións á Seguridade Social por concello de residencia da persoa afiliada' que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE).
No último ano, de acordo co estudo, os traballadores dados de alta no sistema aumentaron nos sete grandes concellos. En setembro de 2023 rexistráronse 1.069.286 afiliacións á Seguridade Social en Galicia, un 0,5 % máis que o mes anterior. Delas, 1.044.433 (o 97,7 %) corresponden a persoas cuxa residenciase atopa nun dos municipios da comunidade.
Se o que se contabilizan son persoas afiliadas e non número de afiliacións, a cifra baixa a 1.006.640 afiliados en alta laboral en setembro, un 0,6 % máis. Por cada 100 persoas en idade de abandonar o mercado laboral hai 19 que ingresan ao sistema e o 5,2 % dos cotizantes residentes en Galicia teñen nacionalidade estranxeira. En termos relativos, con afiliados estranxeiros destacan concellos próximos á rexión norte de Portugal, a comarca de Valdeorras e A Mariña de Lugo.
O 5,1 % das afiliacións correspóndense con actividades relacionadas coa agricultura e a pesca, o 13,9 % co sector industrial, o 7,5 % coa construción e o 73,1 % con actividades do sector sector servizos. Por sectores de actividade, os concellos cunha maior porcentaxe de traballadores afiliados no sector primario atópanse no interior de Lugo, nas comarcas coruñesas de Xallas, Terra de Melide e Arzúa e no Deza.
Debido a afiliacións no réxime especial do mar, municipios como A Illa de Arousa, Camariñas e Muxía presentan altas porcentaxes de afiliacións no sector primario. A industria ten maior peso no sur da provincia de Pontevedra, Valdeorras, Barbanza, Caldas e O Sar. No que respecta á construción, sobresaen a Costa da Morte e municipios do sur de Ourense e algúns do oeste da provincia. O sector servizos mostra maior peso no sete grandes cidades e nos seus municipios limítrofes. De feito, en Santiago e A Coruña máis do 85 % das afiliacións correspondían a este ámbito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.