Novo chamamento para que as mulleres embarazadas se vacinen contra a gripe e a covid

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2023 | Actualizada ás 19:01

Comparte esta noticia

A Xunta volveu a recomendar que as embarazadas se vacinen contra a gripe e a Covid polos beneficios en canto á protección ás mulleres e aos seus bebés. Tal e como sinala a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade nun comunicado, a xestación supón un factor de risco para ter complicacións, que poden chegar a ser graves, tanto en caso de contaxio de Covid-19 como de gripe.

Estas complicacións, apuntan, poden afectar á nai e tamén ao feto e poden provocar a necesidade dun consumo de antibióticos non recomendables durante o embarazo. Ademais, en lactantes hai tamén un maior risco de padecer estas enfermidades de forma grave debido á falta de madurez do sistema inmune.

"Por iso, o Programa Galego de Vacinación segue as recomendacións de todos os organismos internacionais, nacionais e autonómicos que aconsellan esta vacinación en calquera momento do embarazo e durante o puerperio", recalcan. Todas as embarazadas ou mulleres que desen a luz nos últimos seis meses e que non estean vacinadas, poden solicitar cita a través da aplicación Sergas Móbil.

Inciden, ademais, en que as vacinas de covid e gripe, dado que non inclúen virus vivos, son seguras tanto para a nai como para o feto, ao que ela lle transfire os anticorpos protectores a través da placenta. As dúas vacinas pódense administrar o mesmo día. De feito, recomendan que se faga así sempre que sexa posible.

Muller embarazada toma o sol
Muller embarazada toma o sol | Fonte: HOSPITAL VITHAS - Arquivo

Tampouco é necesario esperar ningún intervalo coa vacina da tose ferina (dTpa), indicada tamén no embarazo (a partir da semana27 e preferiblemente nas semanas 27-28). A única particularidade en canto á vacinación fronte á Covid-19 é que, se a embarazada xa pasou a enfermidade ou recibiu a vacina con anterioridade, debe deixar pasar tres meses para vacinarse coa nova cepa XBB.1.5.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta