Por E.P. | LUGO | 29/11/2023 | Actualizada ás 19:49
Interior Galego Vivo reiterou ao BNG, ao PSdeG e a Sumar a súa proposta de acordo amplo na provincia de Lugo e Ourense para "terminar coa hexemonía do PP" e "pór a voz do interior galego no Parlamento".
A formación na que participa a que foi deputada de En Marea Paula Verao dirixiuse a BNG, PSdeG e Sumar Galicia para propor un encontro sobre as eleccións galegas e un programa centrado nas necesidades do rural.
Así o manifestou nun comunicado remitido aos medios este mércores, no que lembra que o pasado día 18 de novembro celebrou a súa V Asemblea, na que acordou traballar para articular este acordo amplo sobre un programa común de defensa do rural e dos servizos públicos en todo o territorio, que garanta que ningún voto se perde en Lugo e Ourense para conseguir o cambio político en Galicia.
Tras lembrar que enviou invitacións a estas formacións para fixar data para o encontro, indicou que "non é tarde para maximizar a onda de cambio que existe en Galicia para terminar cun goberno do PP que antepón os intereses de grandes fortunas e grandes empresas por encima da cidadanía" e que "condena ao interior galego á inanición" á vez que destrúe a sanidade e os servizos públicos.
A formación sinala que o axustado resultado das diferentes eleccións, que "penaliza" a fragmentación, e o carácter "crítico do momento actual", esixe "audacia e diálogo permanente" con outras opcións que permitan articular acordos amplos para avanzar en dereitos e mellorar a calidade de vida de xente.
"Non é tempo de enrocamientos identitarios, senón de solucións valentes: cada forza política que quere o cambio galego ten que facer o máximo esforzo por ampliar o seu electorado, derrubando o muro da alta abstención e aglutinando o máximo posible o seu espazo", sinala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.