Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/12/2023 | Actualizada ás 12:28
As eleccións galegas de 2024 seguen sen data á espera da decisión do presidente, Alfonso Rueda, pero o aroma da precampaña impregnou unha sesión de control no Hórreo que derivou nun cruzamento de reproches e de alusións a actos políticos e estratexias electorais. Non faltaron as "cervexas" do autobús do líder do PPdeG nin os comentarios, entre risas dos populares, ao acto que Ana Pontón (BNG) protagonizou o fin de semana.
A primeira das preguntas, formulada polo socialista Luís Álvarez, tiña carácter económico e estaba ligada coa política enerxética. O portavoz parlamentario do PSdeG afeou a Rueda a "ausencia" dunha política enerxética, a "inseguridade xurídica" na eólica e da sociedade mixta para o impulso de produtos enerxéticos, mentres que o presidente devolveu a pelota ao tellado socialista ao levar o foco ao hidroducto de Guitiriz-Zamora.
Foi entón cando Álvarez lle suxeriu que no canto de andar tomando "cañas" por Galicia --no marco da precampaña que os populares emprenderon coa lema 'Galicia non para!'-- debería ir a Bruxelas, onde tamén hai "unha boa cervexa". "Mellor iríanos se defendese os intereses dos galegos", dixo Álvarez. "A mellor cervexa está en Galicia!", replicou Rueda, quen tamén ironizou con "canto" molesta á oposición que os populares estean "coa xente".
CAMPAÑA ELECTORAL
Chegado a quenda do debate coa portavoz do BNG, Ana Pontón, esta vez coas listas de espera como tema central de debate, o ton de campaña elevouse máis, con cruces de acusacións directas entre a líder nacionalista e o presidente de estar xa en campaña.
Pontón acusou ao líder popular de usar o seu cargo, os recursos públicos e a CRTVG "para facer campaña" no que definiu como "un auténtico escándalo democrático". Entre risas dos populares, Rueda chanceou con que o pasaron "moi ben" o fin de semana, en alusión ao acto protagonizado por Pontón cuxa presentadora foi obxecto de polémica en redes sociais.
E dando un paso máis, advertiu a Pontón que retoma o tema de sanitario porque "os que de verdade mandan" no seu partido dixéronlle que o faga porque "veñen as eleccións". Rueda engadiu que o Bloque é "unha copia mala" de Sumar, que obtivo, recalcou peores resultados nas xerais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.