Educar con E-dixgal, si ou non? "Moitas veces a conexión cos alumnos só se logra a través das novas tecnoloxías"

Así o afirma Julio Díaz, do sindicato do profesorado Anpe, sobre as protestas que están a xurdir pola educación con dispositivos E-dixgal. Considera que "non temos que negar que nestes momentos os nosos alumnos viven máis no mundo dixital que no analóxico". Ademais, amósase preocupado polo uso dos móbiles, pois asegura que "nos descansos de 5 minutos o primeiro que fan os nenos é coller o móbil e ver cantas mensaxes teñen".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 10/12/2023 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Móbil na escola si ou móbil na escola non? O debate continúa e non semella que sexa algo que se vai resolver con brevidade. De feito, a OCDE, mediante o informe PISA, entrou esta semana directamente no asunto, e fixoo para disgusto de alo menos as 63.000 persoas que pediron recentemente a súa prohibición aos adolescentes, abogando por incluír estes dispositivos nos colexios pero facendo un uso razoable dos mesmos. "A OCDE non recomenda a prohibición xeralizada, máis ben convida aos países a desenvolver políticas que permiten que os estudantes fagan un uso axeitado e moderado na escola coa finalidade de aprender", explicou o martes en rolda de prensa Daniel Salinas, analista da OCDE e un dos autores de PISA. O Ministerio de Educación está na mesma liña e dende Galicia Confidencial quixemos preguntar a Julio Díaz, do sindicato do profesorado Anpe, para coñecer a opinión dos docentes.

Nenos usando os móbiles no recreo
Nenos usando os móbiles no recreo | Fonte: Getty Images - Arquivo

"Nós si temos claro que o uso dos móbiles nos centros educativos é un proceso de disrupción dentro do proceso educativo", explica Díaz, que afirma que "nós entendemos que dentro da aula o móbil só se debería usar con fins educativos". Seguidamente, ante o debate de se usar ou non o móbil nos tempos de descanso, este profesor cre que "os tempos de descanso deberían ser tempos de socialización", e "é moi triste ver a un grupo de nenos enganchados ao móbil falando con outro grupo de nenos que está a dous metros, tamén co móbil". Así as cousas, considera que "os centros educativos deberían ter regulado totalmente o uso de móbiles nas aulas, cunha normativa a nivel estatal", porque en Galicia xa fai tempo que existe tal regulación.

Díaz cre que non só se trata de ter o móbil apagado na aula, pois "hai estudos que din que simplemente con ter o móbil dentro da mochila, aínda que este estea inoperativo, xa hai unha certa preocupación dos alumnos de que o seu móbil está alí, algo que nese momento lles está a interrumpir o desenvolvemento normal das clases". Así as cousas, dende Anpe, "cremos que é importante unha regulación en condicións". Con todo, concede que "entendemos a preocupación dos país por ter contacto cos seus fillos", pero "o profesorado ten móbil e todos os centros educativos dispoñen de teléfono fixo, polo que non hai ningún problema de desconexión do alumnado coa familia polo feito de non estar usando o móbil nas aulas". En resumo, "con fins didácticos e educativos, móbil si; con fins recreativos, móbil non". 

Ademais, o sindicato tamén considera moi importante a idade de acceso a un destes dispositivos, pois "entendemos que en idades moi temperás os nenos, sen control, poden estar conectados a Internet horas e horas". Fronte a isto poderían funcionar os programas de control parental. Pero, son realmente unha solución? "Todos sabemos que os nenos e os mozos lévannos unha vantaxa importantísima en todo o que ten que ver coas novas tecnoloxías e, en canto lles poñas un programa de control, ao día seguinte van ser eles os que teñan controlado o programa e non o programa a eles, así que esa non é a solución", plantexa Díaz. Cal é? "A única solución é educación, información e usar o móbil en idades nas que xa haxa unha certa capacidade para comprender o uso que se fai deste tipo de dispositivos", conclúe o profesor.

E é que Díaz conta as esceas que el mesmo presenciou: "É saír da clase, mesmo nos pequenos descansos de tres, catro ou cinco minutos, e o primeiro que fan é ir á mochila a coller o móbil, ver cantas mensaxes teñen, quen lles mandou un WhatsApp... é dicir, a preocupación por todo o que está a ocorrer no seu móbil é constante e iso o que fai é que anden cunha desconexión total de todo o que os arrodea, incluído o proceso educativo". "O primeiro que fan cando teñen un minuto é ir ao móbil, ou cando teñen recreos ou van ao comedor, e non pode haber esa constante preocupación por todo o que ocorre nos seus dispositivos cando teñen que estar pendentes de atender ás clases e de procurar preguntar dúbidas", expón o profesor, que cre que "xa chega un momento no que a única preocupación que teñen é buscar a oportunidade de poder engancharse de novo ao móbil". Así, relátanos o que escoitou o outro día nunha conversa a un grupo de rapaces: "Dicían que que ía ser deles se ao final se prohibía ter móbil nos recreos... Eu creo que seguramente desfrutarían máis".

Centro educativo adherido ao Proxecto E-DIXGAL
Centro educativo adherido ao Proxecto E-DIXGAL | Fonte: Arquivo

Finalmente, sobre o feito de que a ensinanza a través de E-dixgal xa está expoñendo aos nenos a pantallas durante moitas horas ao día e que hai grupos de nais e pais que comezan a protestar, Díaz apunta que "non temos que abstraernos de que estamos nun mundo dixital e de que nestes momentos os nosos alumnos viven máis nese mundo dixital que nun mundo analóxico". Por tanto, cre que "ten que haber unha combinación das dúas cuestións: non podemos pasar dun mundo memorístico a un mundo totalmente dixital, senón que moitísimas veces hai que ter unha certa conexión cos alumnos, e iso só se logra a través das novas tecnoloxías, das que ti non podes prescindir totalmente cando sabes que é o mundo no que eles viven". Así as cousas, fronte a eses pais que se negan rotundamente á educación con E-dixgal, hai outros que si se amosan a favor, conscientes de que non dixitalizar a educación é un erro cando os nenos xa están máis que dixitalizados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta