Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2023 | Actualizada ás 17:00
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou este xoves que o Consello da Xunta deu luz verde a cinco novos concertos sociais para a atención diúrna e residencial para persoas con discapacidade intelectual, física ou trastorno do espectro autista, parálise cerebral e a enfermidade mental. Estes acordos súmanse ao xa aprobado o mes pasado para os coidados a persoas con dano cerebral adquirido, tal e como informou Rueda na rolda de prensa posterior á celebración da reunión semanal do Goberno galego.
Indicou que con isto, o Goberno galego "cumpre co acordo asinado coas entidades o pasado 20 de novembro para garantir a continuidade dos servizos que reciben máis de 5.000 usuarios". Para iso, destinarán "máis de 100 millóns de euros" ao ano ao concerto social. Cada un deles terá unha duración de catro anos, prorrogable ata un máximo de 10 anos.
En concreto, as prazas que se convocan son: 33 especializadas nos coidados a persoas que sofren enfermidades mentais; 257 para o trastorno do espectro autista; outras 258 para persoas con discapacidade física; 293 para a atención a persoas con parálise cerebral e 4.050 prazas para discapacidade intelectual. A convocatoria publicarase nos próximos días no DOG e prevese que os concertos coas entidades entren en vigo en marzo do ano que vén. O investimento increméntase, apuntan, nun 30 % respecto dos contratos actuais
INFORME SOBRE MODELO DIXITAL EN ATENCIÓN SOCIOSANITARIA
Por outra banda, o Consello da Xunta recibiu este xoves o informe sobre o grao de execución dos proxectos enmarcados no Modelo Dixital de atención sociosanitaria, "que pon as tecnoloxías intelixentes ao servizo das persoas nas residencias de maiores e discapacidade". O modelo, detallan, foi elaborado conxuntamente pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Política Social e Xuventude, e as actuacións afectarán aos centros actualmente de titularidade da Consellería, así como aos futuros centros de coidados intermedios e os centros do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
O informe vira ao redor de tres eixos. Por unha banda, a automatización da toma de biomedidas, que consiste no uso dun dispositivo industrial de tipo tablera e dunha estación de traballo móbil nos que se integran os diferentes elementos para a toma de biomedidas dos residentes. A automatización destes procesos, argumentan, reduce as posibilidades de erro e xera unha descarga de traballo administrativo diario do persoal. Actualmente, o sistema está integrado con báscula, termómetro, tensiómetro, pulsioxímetro, glicómetro e electrocardiograma. O sistema funciona en 24 das 28 residencias e dúas máis estarán listos antes de fin de ano, mentres que os restantes estarano en 2024. En total haberá 88 estacións.
Outro dos puntos do modelo é o 'cuarto intelixente', integrado por dous sistemas para a comunicación das persoas residentes coa enfermaría e para a monitorización da actividade, seguridade e confort. A solución incorpora pulsadores de cama e tiradores de baños, que comunican sen fíos co terminal táctil do cuarto e permiten solicitar axuda e comunicarse por voz. O sistema de monitorización de actividade, seguridade e confort do residente analiza a información procedente de sensores, así como os patróns de comportamento para identificar cambios que poidan indicar situacións de risco ou necesidade de axuda. Os sensores están localizados tanto nos cuartos como no resto do centro. O modelo de cuarto intelixente está instalado en 22 residencias e centros de atención. En sete delas, xa está, e no resto, farao no primeiro semestre de 2024.
Outra innovación que estará presente en todas as residencias da Xunta antes de que finalice o ano é o sistema de rehabilitación virtual física e cognitiva. Por último, a plataforma de sistemas sociosanitarios para centros residenciais engade novas funcionalidades ao sistema de información corporativo dos centros (CENPOS). Entre estas novas funcionalidades están a integración do CENPOS e os sistemas de Servizo Galego de Saúde; incremento das funcionalidades en mobilidade con utilidades específicas para os profesionais das áreas de mantemento e almacén; e limpeza ou cociña e comedor, entre outros. Entre as principais novidades da plataforma destacan a posibilidade de utilizar un dispositivo móbil para o uso do sistema de información desde diferentes estancias do centro.
A vista residente 360º permite a visualización nunha soa pantalla dos diferentes ámbitos dunha persoa usuaria do centro, tanto no aspecto identificativo como asistencial e social. En 2023 puxéronse en marcha os sistemas de cadros de mandos e vista residente 360º. O resto de funcionalidades poranse en marcha ao longo de 2024. As tres actuacións suman investimentos de máis de sete millóns de euros, dos que 3,35 corresponden á Plataforma; 3,16 ao Cuarto Intelixente; e 551.200 euros á automatización na toma de biomedidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.