Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/12/2023 | Actualizada ás 22:00
As redes sociais xa son parte do noso día a día, ao igual que Google, ese buscador que en máis dunha ocasión nos ten salvado ao vida preguntándolle cousas que non sabiamos. Sen embargo, se nos paramos a reflexionar no idioma que empregamos ao facer uso destas ferramentas, moitos darémonos conta de que, a pesares de ser galegofalantes, tendemos a preguntar en castelán e a facer publicacións en castelán. Ao final, semella que temos que renunciar á nosa identidade para que os nosos 'post' se posicionen mellor, cheguen a máis xente ou para que o resultado das buscas sexa máis numeroso e atinado. Ante esta problemática, dende Galicia Confidencial preguntamos a unha filóloga galega, María Pérez Lago, sobre o tema, que elaborou o seu traballo de fin de grao sobre o uso do galego no Tik Tok, así como ao seu titor de TFG, o reputado lingüista do Instituto da Lingua Galega (ILG) Xosé Luís Regueira.
"Eu penso que na actualidade o galego estase a introducir un pouquiño máis nas redes sociais", considera Pérez, que tamén se amosa consciente de que "segue habendo moitos prexuízos que semellan ser doutro tempo". Con todo, considera que o Tik Tok (unha rede social empregada na súa maioría por mozos e mozas, adolescentes) foi unha moi boa noticia para o noso idioma, pois "os creadores que hai nesa rede conseguiron introducir o galego oral nela e, con iso, achegar un pouco máis ao público as variedades dialectais que antes non se usaban nas demais redes". Así, reflexiona que "antigamente os medios orais que se usaban para comunicar en galego eran os medios de comunicación, a televisión ou a radio, e neles non se amosaban as variedades dialectais, senón que se empregaba o galego estándar". Fronte a isto, a filóloga está convencida de que "o Tik Tok favorece un poquiño máis o amosarlle aos nosos mozos e mozas a variedade dialectal tan rica que temos aquí en Galicia, favorecendo ao mesmo tempo unha mellor valorización da mesma por parte de todos os falantes".
Neste senso, Regueira recorda un tempo, non fai tanto, tamén se daba o fenómeno contrario: persoas que na súa vida cotiá empregaban o castelán, logo na rede falaban en galego. "Creo que moitas veces nas redes sociais creamos unha identidade que non ten por que coincidir necesariamente coa nosa, poñémonos un 'avatar', un 'pseudónimo' e aí, nesas novas identidades, aparecen uns usos lingüísticos que non teñen por que coincidir cos nosos, é como ter o poder de usar voces diferentes", reflexiona, tamén consciente de que hai moita xente que fai o contrario, fala en galego e logo vai á rede e cambia ao castelán. Pero indo un paso máis aló, o lingüista tamén ve beneficioso para o galego a irrupción das redes sociais, porque "nelas o concepto de galego vinculado á ruralidade xa se está retirando, de feito, hai quen o relaciona xa cunha fala máis refinada, da educación, máis selectiva..., é dicir, comeza a haber como unha valoración cada vez máis positiva do galego", aínda que "tampouco é que se tivesen eliminado os prexuízos de ruralidade totalmente".
AS REDES SOCIAIS DEMOCRATIZARON A FALA: "AGORA CALQUERA PODE PUBLICAR ALGO QUE LEA TODO O MUNDO E QUE O LEA TODO O MUNDO"
Regueira considera que a xuventude actual "usa o galego para amosar o seu compromiso, modernidade e concienciación co uso da lingua". Así, asegura que "están moi comprometidos con certos temas" e, como recorda, "en Galicia as loitas nobres sempre usaron o galego para expresarse: o feminismo, o ecoloxismo... sempre fixeron as súas reivindicacións en galego". Ademais, apunta a que as redes tamén lograron unha maior democratización do uso da lingua e das súas variedades. "Antes para poder falar e ser escoitado tiñas que ter acceso ao micrófono dun medio de comunicación ou algo semellante, e había moita xente no rural que non tiña ese acceso, e como moito podía escribir unha carta ao director, pero agora calquera pode ter unha rede social na que publicar un 'post' que pode ler todo o mundo", reflexiona. Chegados a este punto, mesmo "as institucións públicas teñen que xestionar a súa lexitimidade nas redes, porque antes semellaba que xa lles viña dada, mentres que agora deben pelexar nesa área". Todo isto, afirma Regueira, "fai que aparezan moitas voces diferentes que antes non tiñan acceso ao público, e en Galicia estase a percibir máis".
De feito, para Regueira o galego estándar non é que sexa máis ou menos correcto, porque correctas son todas as variantes que ten o galego. "Agora estamos a falar moito sobre que lingua é a máis correcta, porque fai nada o dicionario admitiu a palabra 'machirulo' e todo o mundo andaba dicindo que xa se podía dicir 'machirulo', e eu preguntábame: e que antes non se podía?", chancea o lingüista. Co galego sucede o mesmo, "sempre hai quen se pregunta se se pode dicir un palabra ou outra en galego, ou se é correcta, pero é que acaso non podemos? Son ideas que están moi compartidas e, a medida que van entrando outras variedades na lingua, as estándar vanse rompendo e cambiando", asegura. É por iso que ve nas redes sociais un campo de estudo idóneo para coñecer como van evolucionando as linguas, tamén o galego. "Son un terreo moi propicio para o estudo", afirma, sen esquecer que "cada un tense que expresar nelas coa súa propia maneira de falar, con toda naturalidade, porque ningunha variante ten nada de malo, non hai por que falar a lingua estándar". "A lingua estándar ten que existir porque se vén unha persoa de fóra ou hai que publicar un texto oficial, haberá que falar nun idioma de referencia que sexa comprendido por todos", conclúe. E reflexiona sobre que cando aprendemos o inglés, é o estándar, logo chegamos a Liverpool e non entendemos porque non é o que realmente fala a xente do común.
ESTÁ O GALEGO PENALIZADO POLOS ALGORITMOS DE BUSCA?
Por outra banda, falando de algoritmos, semella que nas redes sociais o uso do galego está penalizado, pois un vídeo publicado en lingua galega nunca acadará o mesmo impacto que un feito en castelán, a non ser, como apunta María Pérez, que "o vídeo sexa dalgo problemático ou viral, que ao mellor si é capaz de trascender á nosa sociedade". Con todo, confesa que "o feito de que sexa unha lingua considerada como menos prestixiosa ou menos expandida pode provocar que os algoritmos penalicen os vídeos, aínda que non sei ben cal é o seu funcionamento ou criterio". Para Regueira, todo vai depender da comunidade e do público ao que queres dirixirte e chegar co teu vídeo. "Para dirixirte á comunidade internacional tampouco o farás en castelán, terás que facelo en inglés, e alguén que estea aquí en Galicia e faga vídeos en galego está elixindo a súa audiencia, segmentando, e potencialmente é consciente de que se pode estar dirixindo no caso do Tik Tok a un público duns 300.000 usuarios", plantexa, mentres que "se quere dirixirse ao ámbito internacional, falando en inglés, sabería que o seu público potencial é de millóns".
Na mesma liña, o galego tampouco semella ser apto para falar coas novas tecnoloxías ou coa intelixencia artificial, porque agora que en moitas casas galegas hai asistentes de voz, a Google non se lle di 'hey, Google, ponme unha rancheira', senón 'hey, Google, ponme una ranchera'. Esta é unha barreira na que se está traballando para superala. "Agora o Proxecto Nós, no que participa o Instituto da Lingua Galega, busca precisamente sentar as bases para que os asistentes de voz poidan entender e contestar en galego, tanto no que se refire á voz como a tradución, pero centrado agora mesmo, sobre todo, no recoñecemento de voz", explica Regueira, apuntando que "estase tratando de replicar un GPT-3, pero en galego". Para que isto sexa posible, é preciso contar cunha cantidade inxente de datos para entrenar á intelixencia artificial, por iso recorren a fondos de arquivos públicos e de institucións e administracións para tratar de logralo. Aínda con todo, Regueira cre que "o galego en realidade non está tan mal posicionado respecto ao tamaño de Galicia, porque Facebook por exemplo si deixa a opción de poñelo en galego, ou o buscador de Google, e mesmo teñen ferramentas de voz para que lean en galego, o problema é que ti non podes coller esa voz, propiedade destas empresas, para insertala nun asistente".
Agora ben, a pregunta é: que resultados che dará Google se realizas unha busca en galego fronte a unha en castelán? Facemos o exemplo preguntándolle quen é o presidente do Goberno central e en castelán obtemos 240 millóns de resultados, mentres que en galego o resultado cae aos 8,2 millóns. Así, a filóloga María Pérez recoñece que "a xente busca en galego ou en castelán en función do que busquen e dos resultados que queiran conseguir". "Unha busca que fagas en galego vai ter menos resultados que se a fas en castelán, igual que unha busca en castelán vai ter menos resultados que unha en inglés", indica, consciente de que "aí o tema do idioma si que che pode limitar un pouquiño máis". Nas redes sociais sucede o mesmo, pois estas tamén teñen incorporados buscadores que ofertan menos resultados se escribes a busca en lingua galega, e os 'hashtags' usados para tratar de posicionar as publicacións tamén son menos efectivos se están en galego.
"AS OPERADORAS DA ADMINISTRACIÓN DEBEN ENTENDER TODO TIPO DE GALEGO"
Así as cousas, e ante este panorama, cales son os retos que debe afrontar o galego nas novas tecnoloxías? Ou, mellor dito, que debemos facer como sociedade e dende as propias administracións para conseguir que o galego estea presente nas novas tecnoloxías? Regueira recorda que mesmo se chegou a falar de que coas novas tecnoloxías o galego entraría nunha era de extinción, pero "mentres a xente siga falando galego nunca se vai extinguir, mentres as nais e os pais sigan falándolle aos seus fillos e fillas en galego, e mentres se siga a estudar, non se vai extinguir". Agora ben, afirma que, por exemplo, no ámbito da administración pública queda moito camiño por percorrer co tema do galego. "Estamos ante unha administración pública na que xa case todos os trámites os tes que facer de forma electrónica, entón se xa é difícil atopar unha cita coa administración, se para facelo tes que falarlle á operadora en castelán só, hai moitos galegos que quedan fóra da ecuación", afirma Regueira.
De feito, recorda que o galego medio do rural fala en galego e ao mellor non é quen de falar perfectamente o castelán como para que lle entenda a máquina. "Se falo en galego preciso dunha plataforma que me entenda en galego, non pode ser que só entenda en castelán; unha muller anciá, un home de mediana idade, un neno, un rapaz... todos terán voces moi diversas e hai que entendelas a todas, do mesmo xeito que hai que entender a toda a xente fale no dialecto que fale, alternativo ou non, galego normativo, galego con gheada, con seseo... O que non pode ser é que ao falarlle en galego a operadora repita sempre o de 'non che entendo'", reflexiona o lingüista. Neste senso, fala tamén da fenda dixital, que debida a cuestións como esta do idioma e as tecnoloxías "vaise acentuando". Ademais, pola parte dos máis novos, considera que é "importante" que "atopen redes e comunidades dentro das plataformas para interactuar tamén usando o galego, fomentando así os espazos de conexión coa nosa lingua". Por suposto, entende que "se están a xogar a un videoxogo cun rapaz de Canadá, terán que falar en inglés para ser entendidos, pero o galego tamén ten que estar aí e debe ser posible atoparse en galego", é dicir, que eses rapaces tamén atopen outros rapaces cos que xogar aos videoxogos que falen galego. E, nese senso, "Tik Tok tamén ten que estar en galego".
"NA ESCOLA DEBERÍAN FOMENTARSE MÁIS TODAS AS VARIEDADES DO GALEGO"
María Pérez, ao igual que Regueira, rompe unha lanza a favor dos máis novos. "Eu creo que agora cada vez están máis comprometidos co uso do galego na rede, porque este tamén se fomentou bastante". Con todo, cre que non se pode negar que "nas xeracións máis novas, nos nenos que están aprendendo aínda, hai moito que facer, porque por exemplo na aula da miña irmá son todos castelánfalantes menos ela, e iso é algo preocupante, porque se non usan o galego na súa vida cotiá, tampouco o van usar nas redes sociais". E é que hai moitos mozos e mozas que a día de hoxe din que lles custa aprender o galego tal e como o ensinan na escola, pois non son quen de diferenciar entre vogais abertas e pechadas ou de saberse todas as palabras nas súas formas oficiais ou de colocar correctamente os pronomes 'te' e 'che'. Por que sucede isto?
"Eu penso que o galego normativo todo o mundo debe coñecelo para poder entender textos e documentos oficiais que deben ser redactados así, pero dende a escola tamén habería que fomentar un pouco máis todas as variedades e facerlle ver ao alumnado que existen, que se poden empregar e que son perfectamente válidas, porque senón poden pensar que o seu galego non é válido, o cal lles crearía certo prexuízo e habería quenes deixasen de fagar en galego e se pasasen a falar castelán porque así non terían ese problema", reflexiona Pérez, que cre que "é preciso comentar tamén esa outra visión dende o ensino primario e secundario". Con todo, concede que o galego normativo é necesario, pois "se chegas de fóra tes que aprender un modelo de galego", pero "non hai que esquecerse tampouco de fomentar todas as variedades que ten o idioma, sen complicalo moito, porque todos os que estamos en Galicia sabemos falar galego, sexa da forma que sexa e coas variedades que sexa".
Neste senso, Regueira considera que o galego que se fala "ten moito que ver co ambiente no que esteas e no que fuches criado", é dicir, "coas linguas que tes ao teu redor e coa xente". Así, pon o exemplo de "xente urbana que sabe falar galego, pero que como vogais só ten as cinco do castelán". Pola contra, "se vas a un ambiente máis galegofalante, onde predomina aínda ese galego natural, no sentido de que se fala o galego de toda a vida, pois si terás as sete vogais do galego, e saberás diferenciar entre abertas e pechadas ou faralo de xeito inconsciente porque o tes interiorizado". Sobre este galego máis propio das señoras e dos señores maiores das aldeas, lamenta que "se estea perdendo", porque cada vez "é máis complicado atopar a alguén que fale galego con ese acento tan propio da terra".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.