Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/12/2023 | Actualizada ás 22:00
As vespas velutinas seguen poñendo en risco ás nosas abellas e, o que é máis importante a nivel comercial, os nosos meles, de tanta soa a nivel internacional pola súa excelente calidade. Para ninguén é a día de hoxe unha sorpresa atoparse un niño ás portas da súa finca, ou ben nun lugar da vila. Dentro das diferentes variedades de mel que se colleitan en Galicia hai un que está en serio risco debido á actuación da velutina: o mel de eucalipto; aínda que tamén existe unha grande afectación sobre o mel de silva. Ante esta problemática, é evidente que se fai preciso actuar xa, e tendo en conta que estamos nun período de baixa actividade destas vespas, sería propicio para comezar as actuacións de prevención e erradicación de cara á próxima tempada.
"A velutina nestes momentos está hibernando, non está presente na maioría do territorio galego, pero estase a preparar para volver na primaveira", conta a Galicia Confidencial o presidente da Asociación Galega de Apicultores (AGA), Xosé Torres, que advirte de que "non debemos esquecernos dela". E é que, lamenta que "se neste ano 2023 xa tivemos uns ataques realmente serios e severos ás colmeas das abellas, no 2024, cunhas condicións climatolóxicas idénticas, vai ser moito máis duro". Por que? Torres recorda "o desenvolvemento expoñencial que teñen os niños de vespa velutina que houbo este ano". De feito, cunha soa raíña xa se pode desenvolver o niño, que poderá ter ata 15.000 celdiñas e, se consideramos que cada fundadora dun novo niño pode producir 500 novas raíñas ao ano, enténdese que o aumento das súas poboacións sexa tan rápido.
É por iso que reivindica que "dende a administración autonómica se continúen centrando os esforzos non só no control da velutina, senón tamén na investigación aplicada, para seguir os pasos das técnicas que están a aplicar os apicultores para frear á velutina nas súas zonas de colmeas, para poder defendelas". Neste senso, o presidente de AGA recorda que "neste 2024 o plan apícola está adicado maioritariamente ao trampeo, pero esa non é a única solución, senón que hai que ter todas as perspectivas sobre as actuacións que realizan os apicultores de cara a poder controlala, aínda que sabemos que erradicala é imposible".
Con todo, Torres lamenta que, cunhas eleccións á volta da esquina na comunidade galega, "a situación política nestes momentos non nos favorece nada, porque dentro das prioridades vanse esquecer da velutina, e a velutina non se vai esquecer de nós, os abelleiros, á volta da primaveira". Seguir garantindo a calidade dos meles galegos pasa por tomar medidas e tomalas xa. "Temos uns meles excelentes, dunha calidade suprema a nivel europeo, pero a velutina está a ter unhas consecuencias gravísimas sobre a produción, porque, nalgúns casos, como ocorre no do mel de eucalipto, está obrigando aos apicultores a retiralo das colmeas antes de que a velutina comece a actuar seriamente, porque esa sería a desaparición total do mel de eucalipto", advirte.
"A VELUTINA BLOQUEA AS COLMEAS E A ABELLA, ATRAPADA, CÓMESE O MEL"
Por outra banda, tamén está afectando ao período de recollida do mel, porque "está limitando as producións que poida haber nos meses de xullo, agosto e setembro, porque como a velutina xa está actuando sobre as abellas, obrígaas a permanecer dentro das colmeas, e hai que recordar que as abellas son uns insectos de pasto exterior". Nesta liña, Joaquín Lozano, veterinario de AGA, apunta que "nos períodos nos que os ataques son máis fortes, a velutina bloquea as colmeas e a abella, atrapada no seu interior, cómese o mel".
A velutina é unha depredadora de abellas, ás que captura ao voo e aniquila. Pero a abella produce mel entre os meses de febreiro e xuño, época na que a vespa asiática non exerce presión sobre elas. En concreto, a ameaza chega nos meses de verán, cando a vespa asiática comeza a súa actividade máis frenética e, con ela, o acoso ás abellas, que teñen que saír ao exterior a recolectar nutrientes. Nese viaxe moitas son devoradas, situación que pon en xaque a supervivencia da colmea e o relevo de abellas vellas en favor das máis mozas, as únicas que poderán afrontar a produción de mel na seguinte campaña.
Para evitar que isto ocorra, a única alternativa para o apicultor pasa por "adiantar o momento da recollida, a pesares de que haxa veces nas que ese mel non esté o suficientemente seco como para poder levalo para a casa e actuar sobre el". De feito, dentro do concurso de Meles Cinco Estrelas de este 2023 apreciaron algunhas das mostras que presentaron os aspirantes cunha humidade máis alta do habitual. Lozano explica que "hai varios parámetros na humidade que nos indican a calidade do mel, e unha humidade normal ou que diría que estamos ante un mel de moi boa calidade sería de entre un 18 e un 5 %".
E por que é importante a humidade no mel? Pois trátase dun factor que inflúe na súa conservación. Se o mel ten un nivel de humidade superior ao 18 % pode chegar a fermentar e, por iso, o máis seguro é envasar o mel cando o seu nivel de humidade é baixo, para que a análise da súa calidade sexa máis precisa. Tanto é así que, como demostración para saber se un mel é bo ou malo pódese facer unha sinxela proba: sumerxir un cacho de pan reseso e duro no mel, se ao cabo de 10 minutos o pan continúa duro, saberemos que estamos ante un mel moi puro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.