Billarda: o deporte galego no que poden competir avós, fillos e netos en igualdade de condicións

En Galicia hai unha Liga oficial de billarda e 250 licenzas. Entre as persoas federadas, o 30 % son mulleres. "Antes xogábase en terra e co proceso de asfaltado foron entrando outros deportes que eran máis propicios para xogar en asfalto, polo que a súa práctica se foi perdendo ata que lle demos un impulso a comezos do século XXI e finais do XX para recuperalo", cóntanos Xan Rodiño, da Asociación de Billarda de Galicia.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 01/01/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A billarda é un deporte moi galego, de feito considerábase ata fai ben pouco un xogo que nacera en Galicia e, dende aquí, chegara a outras zonas do mundo. A irrupción das novas tecnoloxías supuxo unha diminución das persoas que xogaban a este deporte, que naceu como iso, un simple xogo, pois xa nin tan sequera queda moita xente xogando ao fútbol ou ao baloncesto nos campos, a pesares de ser deportes que moven masas, para canto máis ao tratarse dun xogo minoritario. E iso a pesares de que aprender a billarda sae baratiño: dous paus de madeira cortados adecuadamente e xa estás listo para darlle caña. Dende Galicia Confidencial falamos con Xan Rodiño, pertencente á Asociación de Billarda de Galicia e un dos galegos máis entendidos neste deporte, que forma parte dun dos mellores clubes galegos: o Lúa de Forza de Sanxenxo.

Billarda ou pincha
Billarda ou pincha | Fonte: Arquivo

Foi el quen nos desvelou que ao mellor as orixes da billarda non están tan claras como se adoita pensar. "Démonos conta buscando información de que é un xogo universal, porque especialmente na India, onde son miles de millóns de habitantes, practícano e tamén o consideran como un dos seus xogos tradicionais, como nos ocorre aquí en Galicia", apunta, engandindo que "tamén sabemos que se xoga por toda Europa e mesmo en Sudamérica, a onde chegou procedente do continente europeo". Entón, de onde provén realmente? Rodiño cre que "como é un xogo ao que se xoga empregando material de madeira, intuímos que está nas orixes do ser humano, que xogaba con eses dous anacos de pau e logo cada cultura o foi conservando de maneiras moi semellantes".

Así as cousas, en que situación se atopa este xogo a día de hoxe en Galicia? Afortunadamente, e en contra do que puidera pensarse, "actualmente en Galicia está moi potenciado, sobre todo despois da creación da federación de deporte autóctono, pois xa conta cunha liga oficial e con licencias federativas, equipos, clubes de billarda...". Pola contra, "polo que sabemos, no resto de España, nas outras comunidades quedou como un xogo residual, como sucedía aquí en Galicia a finais do século XX, cando só era usado para exhibicións en festas ou romarías", detalla Rodiño. Tanto é así que hoxe por hoxe Galicia é a única comunidade que conta cunha federación de billarda. Actualmente, a federación de deporte autóctono de Galicia ten dúas modalidades deportivas: unha delas é a billarda e outra é a chave.

Conservalo é moi importante e nada sinxelo dende que coa evolución da sociedade cambiaron as superficies de xogo: "xogábase en terra e co proceso de asfaltado foron entrando outros deportes que eran máis propicios para xogar en asfalto, polo que a súa práctica se foi perdendo ata que lle demos un impulso a comezos do século XXI e finais do XX para recuperalo", conta Rodiño. Ademais, hai que ter en conta que hai moita xente que xoga á billarda sen estar federada: "É como no caso do fútbol, ti podes xogar pachangas ou meterte en equipos". Aínda que actualmente o número de licenzas federativas xa rolda as 250, o cal é moito para tratarse dun deporte minoritario. Por se isto fose pouca sorpresa, o 30 % desas licenzas son femininas, é dicir, tres de cada dez xogadores de billarda federados son mulleres.

Aínda que coma ocorre con todo, é preciso fomentar este xogo entre os máis novos, para que non se perda. E isto é algo que xa se está a facer en moitos centros educativos. "Incluso antes de que fora considerado un deporte, a billarda era un xogo e, como tal, había nenos que xogaban no patio", afirma Rodiño. Ademais, agora "hai unha unidade didáctica que inclúe a billarda, a chave e os bolos celtas que se está a implementar nos centros educativos, e que axuda ao profesorado a dar a coñecer estes deportes minoritarios entre o alumnado". O resultado? Que exista relevo xeracional, é dicir, como indica Rodiño, "que a mocería da nosa terra, que os nosos nenos e nenas, poidan practicar no século XXI este deporte con total normalidade". Deste xeito, e aínda que continúa a ser un deporte minoritario se se compara con outros deportes que xa están perfectamente instalados na sociedade como pode ser o baloncesto ou o fútbol, pouquiño a pouco vanse acadando obxectivos.

Xan Rodiño xogando á billarda nunha xornada da Liga
Xan Rodiño xogando á billarda nunha xornada da Liga | Fonte: Billarda.gal

DENDE MAIORES DE 80 ANOS ATA NENOS DE MENOS DE 10

Agora ben, cales son as claves para xogar á billarda? Tendo en conta que se xoga con paus de madeira, poderíase pensar que hai un tipo de madeira que é mellor que outra para o xogo, pero, realmente, Rodiño afirma que "a madeira coa que se xogo tradicionalmente en Galicia á billarda é a que había na zona na que ti nacías e te criabas e aprendías este xogo, o que significa que valía calquera tipo de madeira, e usarías unha ou outra dependendo de se eras de interior ou de costa". Con todo, ben é certo que, "actualmente, a normativa establece unhas medidas tanto no palán, que é o pau máis longo e que se agarra coa man, como na billarda, que é o pau máis pequeno que se pon no chan para darlle co palán". Dentro deses límites, "a madeira pode ser escollida por cada persoa, pero evidentemente cada tipo de madeira ten unhas calidades de densidade, de cor, de resistencia... e uns paus dúranche máis e outros menos". Ademais, Rodiño apunta que "a madeira é un material funxible, polo que se non a usas dúrache moito tempo, pero se a usas vaise deteriorando cos golpes, e co paso do tempo démonos conta de que había madeiras que aceptaban moito mellor os golpes que outras".

E como se acerta para darlle ao pau que está no chan e logo para poder rematar o golpe no aire? Rodiño recoñece que neste punto entran en xogo as calidades físicas de cada xogador, pero estas son tan básicas que é un deporte apto para todas as idades e todas as xeracións: "na federación temos persoas de 70 anos, o maior ten 85, que xogaron de nenos cando a billarda non era máis que un xogo e agora están a competir con licenza; e tamén temos nenas e nenos que aprenderon a xogar no século XXI e agora as licenzas dos máis novos son do 2014, 2015 ou 2016".

@galicia_confidencial Non sabes xogar á billarda? Pois aquí vos ván algúns trucos para ser o rei neste deporte tan galego da man de grandes afecionados a esta disciplina #billarda #deporte #liga #competicion #galego #xogo #tiktokengalego #galiciatiktok #galiciaconfidencial ♬ sonido original - Galicia Confidencial

"CADA PERSOA FAI O SEU MATERIAL, NON O VENDEN NO DECATHLON"

En concreto, "na billarda tes que agocharte un pouco, porque o pau está no chan, e non compites erguido coma noutros deportes (fútbol, baloncesto, balonmán, tenis...), senón flexionando os xeonllos para achegarte o máximo posible co pau que tes na man ao pau que está no chan", detalla Rodiño, que asegura que "unha vez que podes facer iso, se non tes ningún problema físico nos xeonllos ou na columna vertebral, o demais xa é un pouco a capacidade preceptiva visual que teña cada quen para ver que o palán que tes na man ten que darlle na punta ao outro anaco de madeira que está no chan, para facelo saltar ao aire e, despois no aire, xa darlle un impacto igual que se estiveses xogando ao tenis ou ao béisbol e tiveses que darlle á pelota: hai un obxecto que vai movéndose polo aire e ti tes que golpealo para desprazalo".

E como se obtén este material para xogar? Mércase? Hai moi poucas tendas que vendan material especializado, porque ata fai pouco non era considerado un deporte, pero agora que si hai algunhas aparece outro problema: "as poucas que hai venden o material tradicional que se empregaba a finais do século XX, co que se practicaba en ocasións puntuais, pero agora démonos conta de que había que introducir algunhas medidas de seguridade no xogo, porque ti cando golpeas co pau a madeira que salta polo aire pode esvararche, polo que decidimos meterlle unhas cintas nos paláns (o pau co que se golpea) atadas ao pulso para que non escape da man". Así que, como afirma Rodiño, "ese material actualmente é feito por cada persoa, cada quen fai o seu propio". Aínda que, como tenda, destaca unha que existe en Pontevedra da que é dona unha persoa que xa adoita xogar á billarda e ten varios destes utensilios. Iso si, "nin no Decathlon nin en grandes superficies vas ter estes paus".

"USAMOS MANGOS DE FERRAMENTA AGRÍCOLA CORTADOS CO LONGO ADECUADO"

Entón, como os fan aqueles que non os mercan? "Usamos mangos de ferramenta agrícola, cortámolos á lonxitude regulamentada e facémoslle un buraquiño para meterlle a cinta de seguridade", explica Rodiño, convencido de que "conforme vaia aumentando a promoción deste deporte en colexios e demais comezarase a comercializar o material". Polo de agora xa hai unha competición oficial por excelencia: a Liga de Billarda, como a liga de fútbol, pero deste deporte, que disputa xornadas cada fin de semana. Nela compítese por conferencias, como se fai na NBA de baloncesto, de tal maneira que existe a Conferencia Noroeste e a Conferencia Rías Baixas, e nelas os equipos compiten segundo a súa localización xeográfica. "Son a elite da elite", afirma Rodiño.

Así as cousas, hoxe por hoxe dentro de todos os equipos destacan algúns que sobresaen sobre o resto. "A comezos do século XXI a práctica da billarda foi recuperada primeiramente por unha asociación da zona da Mariña lucense, e aí arrincaron os primeiros torneos, nos que se xuntaban puntualmente unhas 20 persoas", explica Rodiño, que engade que "foi a partir do 2005 cando xa se creou a Liga Nacional de Billarda (a LNB), cando este xogo aínda non era deporte". Pouco a pouco, foise estendendo por todo o país e foi o xerme do que hoxe é a liga federada. Así, había unhas clasificacións, uns campionatos finais e uns gañadores e, dentro destes últimos, houbo equipos que gañaron en repetidas ocasións: nas Rías Baixas, Rodiño destaca o Corredoiras de Bueu, campión galego tres veces, e o Lúa de Forza de Sanxenxo, con dous títulos de campión galego; en Ribadeo, nomea un equipo que está federado pero que xoga tamén na liga non federada, o Billardeiros Musicais, que tamén foron outras tres veces campións galegos. E tamén asegura que hai mulleres de moito nivel.

"ESTE DEPORTE É RECOMENDADO POR 10 DE CADA 10 DIETISTAS"

E é que a billarda é unha competición deportiva mixta. Nela non se separa a homes e mulleres, nin a nenos ou anciás, todos compiten xuntos en equipos de todo tipo de composición. O que si se fan é tres clasificacións diferentes a partir dos puntos obtidos nas xornadas dos sábados, que suman para o equipo e para a persoa individualmente: hai unha clasificación infantil, unha feminina e unha absoluta. E as mulleres entrarían nestas dúas últimas. Rodiño afirma que é "unha especie de discriminación positiva para que máis mulleres se animen a entrar neste deporte, porque así poden gañar tanto na súa clasificación como na absoluta". "Fixemos isto porque de momento as mulleres supoñen un 30 % dos federados, se chegasen ao 50 % xa non sería preciso facer esta distinción porque xa habería o mesmo número de mulleres que de homes dentro do deporte", indica.

Finalmente, Rodiño quere animar a calquer persoa, de calquer idade e condición, a probar este deporte "marabilloso, recomendado por 10 de cada 10 dietistas", porque "mantenche a cute, a pel e a face brillante durante todo o ano". E como exemplo claro dos seus beneficios apunta ao gran Ricardo, que aos seus 85 anos, xogando á billarda "rexuveneceu e está coma un chaval de 75 ou así". Ademais, apunta que "outra das virtudes que ten a billarda é que compiten nela distintas xeracións nun ambiente de competición moi saudable, porque ves que moitos maiores de 60 ou 70 anos, cando vén a un neno ou a unha nena que non sabe xogar, axúdanlle e dinlle como dárlle ao pau e como colocarse". Deste xeito, incentívase ese relevo xeracional. Por outra banda, asegura que coma moitos outros deportes, "é moi sán para a cabeza". Neste punto, conta o caso dunha señora que coidaba do seu marido con Alzhéimer e para ela era unha liberación ir xogar e practicar un deporte. E por se isto fose pouco: "A billarda é o único deporte no que tres xeracións (fillos, avós e netos) poden competir ao mesmo tempo, algo que non acontece en ningún outro", conclúe Rodiño.

Mari Carmen xogando á billarda nunha xornada da Liga
Mari Carmen xogando á billarda nunha xornada da Liga | Fonte: Billarda.gal
Álvaro xogando á billarda nunha xornada da Liga
Álvaro xogando á billarda nunha xornada da Liga | Fonte: Billarda.gal
Juanchi xogando á billarda nunha xornada da Liga
Juanchi xogando á billarda nunha xornada da Liga | Fonte: Billarda.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Verísimo

Fantástica reportaxe sobre un xogo que formou parte da infancia galega dos século XIX e XX. Tanto no rural como nas cidades. Estupendo que se recuperara.